O BNG acusa a Caballero de falta de sensibilidade e vontade ao non priorizar os servizos sociais

O BNG acusa a Caballero de falta de sensibilidade e vontade ao non priorizar os servizos sociais

Serafín Otero critica que o alcalde non poña en marcha as medidas necesarias para rematar coa emerxencia social en Vigo

 

Vigo, 20 de xaneiro de 2015.- O candidato do Bloque ás vindeiras eleccións municipais, Serafín Otero, denuncia a a falta de falta sensibilidade, sentido da prioridade e vontade política do alcalde da cidade ao anunciar 40 novas humanizacións “mentres a xente segue padecendo unha verdadeira emerxencia social”. Ao seu xuízo

“Semella que Abel Caballero non é o alcalde dunha cidade fermosa, senón dunha cidade imaxinaria”, manifesta o candidato nacionalista en referencia as afirmacións do rexedor segundo as cales en Vigo ninguén dorme na rúa. “Continuamos a ver xente entre cartóns nalgún caixeiro, ou durmindo polo día nun banco, só pode deberse a un claro caso de cegueira ou a unha insensibilidade brutal”, subliña.

Para Serafín Otero, as propias cifras do albergue municipal deixan en evidencia o “cinismo” do alcalde. “Caballero debería saber que o albergue municipal é claramente insuficiente, xa que apenas ten 50 camas e só ofrece acubillo por un máximo de dez días, cando o mes ten trinta”, sinala ao respecto.

Colapso

“É moi lamentable que na nosa cidade haxa xente que dorme na rúa, persoas que revolven no lixo procurando alimento, e cidadáns que pasan frío nas súas casas por non poder pagar a calefacción”, manifesta o nacionalista, quen considera que para facer fronte a esta situación o único que ofrece o actual goberno local e a Xunta son “uns servizos sociais colapsados e axudas mínimas que non permiten vivir”.

Serafín Otero subliña que Vigo non terá rúas humanizadas “de verdade” até que ningunha persoa se vexa obrigada a durmir ou malvivir nelas. “Vigo ten os recursos e a capacidade para facelo posíbel, só falta sensibilidade, sentido da prioridade e vontade política, pero Caballero non ten ningunha das tres”, asegura.

 

O BNG acusa a Caballero de falta de sensibilidade e vontade ao non priorizar os servizos sociais