O BNG rexeita a represión contra a veciñanza que se manifesta pacificamente en Coia
Iolanda Veloso: É sorprendente que o alcalde defenda a liberdade de expresión pero non escoite á veciñanza e ignore as decisións plenarias sobre o Alfageme
Vigo, 12 de xaneiro de 2015.- A voceira do Bloque en Vigo expresou a fonda preocupación dos e das nacionalistas non só polo empeño en colocar o barco Bernardo Alfageme en Coia en contra da decisión da maioría da corporación, senón pola actitude antidemocrática do alcalde, así como pola represión á que se está sometendo aos veciños e veciñas que se manifestan e contra da decisión do alcalde.
Despois de que onte se vivira unha manifestación case planetaria en defensa da liberdade de expresión, vemos como se reprime ás persoas que se manifestan contra a actuación dun goberno e varias persoas van ser multadas, pese a que a veciñanza se manifesta en contra da colocación do barco de forma pacífica, denunciou Iolanda Veloso en resposta ás preguntas dos medios.
Para a portavoz municipal do BNG é moi preocupante que o alcalde ademais de non escoitar á veciñanza, envíe á Policía Local, actúe con nocturnidade, ignore as decisións plenarias, minta sistematicamente sobre a posición das diferentes forzas políticas, e incluso acuse ao BNG de instigar a violencia.
O Bloque lembra que no pleno do pasado 22 de decembro aprobouse unha moción presentada polo propio grupo nacionalista instando ao goberno local a repoñer a vexetación na rotonda de Coia, e que foi aprobada cos votos de BNG e PP, quedando o PSOE en minoría.