O Bloque esíxelle ao goberno que se deixe de propaganda e que actúe contra os criminais bancarios
A portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Olaia Fernández Davila, esíxelle ao Goberno que se deixe de acenos propagandísticos e actúe dunha vez contra os criminais bancarios que están levando a moita xente á morte, como a muller que esta mañá se suicidou en Barakaldo, antes de ser desafiuzada da súa vivenda.
En concreto, a deputada nacionalista anuncia que o BNG pide a comparecencia urxente do ministro de Xustiza en Comisión Parlamentar e do presidente do Goberno no Pleno do Congreso para que expliquen as medidas urxentes que van tomar para parar os desafiuzamentos hipotecarios e se teñen previsto tomar medidas de apoio económico e social ás vítimas desta criminalidade bancaria.
Ademais, Olaia Fernández esíxelle ao Goberno que se deixe de acenos propagandísticos, e que tome medidas contundentes dunha vez, porque os afectados polos desafiuzamentos hipotecarios levan reclamando medidas para parar esta inxustiza dende hai anos e os Gobernos non fixeron nada.
Calcúlase que nos últimos dous anos executáronse no Estado español uns 400.000 desafiuzamentos e prevese que se executarán uns 250.000 nos próximos anos.
Apoio á cadea humana en Moaña
Por último, a deputada nacionalista amosou o apoio do Bloque Nacionalista Galega á cadea humana que tivo lugar onte en Moaña e que logrou evitar un desafiuzamento