Davila afirma que o Real Decreto sobre desafiuzamentos é unha tomadura de pelo
A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, sinalou onte á tarde en relación ao Real Decreto Lei con medidas en relación aos desafiuzamentos, unha auténtica tomadura de pelo porque deixa os aspeitos máis importantes sen resolver.
O Goberno aprobou onte no Consello de Ministros o Real Decreto Lei de medidas urxentes para reforzar a protección aos debedores hipotecarios.
Para Davila é a demostración da falla de vontade do Goberno de Rajoy por afrontar de xeito valente, con decisión e firmeza un drama social que está a provocar mortes e que cada día que pasa aumenta as súa dimensións. Cada vez hai máis casos.
A deputada do BNG salientou que o Goberno volta a incidir no mesmo erro do Código de Boas Prácticas e volta a deixar sen resolver as cuestións fundamentais: non modifica a Lei Hipotecaria, non contempla a dación en pago, non se tocan os intereses de demora nen toca o valor de tasación, e por riba, non ten carácter retroactivo co cal fican fóra moitas familias e moitos casos que estamos a coñecer en tempo real.
Sorteando a banca
A parlamentar nacionalista reprochou ao Goberno que máis unha vez tome o camiño do medio para non se enfrontar á banca e agochar a cabeza ante os intereses financeiros. De novo volta a escoller a banca por riba da xente máis vulnerábel, e outra vez demostra que non ten ningunha intención de solucionar de raíz este grave problema social.
Davila indicou que como únicos aspeitos positivos podemos contar o tema da moratoria de dous anos para os máis vulnerábeis, pero aínda así demasiado ríxido nos criterios, e a cuestión da creación dun Parque de Vivendas en aluguer para desahuciados, algo que levamos demandando desde hai tres anos.