Iolanda Veloso critica que o alcalde non queira debater sobre as ordenanzas para melloralas
A portavoz municipal do Bloque, Iolanda Veloso, en resposta ás preguntas dos medios, criticou que o alcalde non ten vontade de levar as ordenanzas ao pleno, aínda que si se celebrará unha sesión extraordinaria despois da ordinaria do vindeiro luns. Non entendemos por que o alcalde non ten intención de que se poida facer ningunha achega e mellorar as ordenanzas municipais, criticou.
Iolanda Veloso lembrou que xa no pasado pleno o BNG avanzou as melloras que considera fundamentais para paliar a presión fiscal das persoas con menos recursos, como son aumentar as exencións e as bonificacións. Segundo considerou a portavoz municipal, a resposta que nese caso deu a concelleira foi absolutamente contraditoria con outras manifestacións, como a que fixeron onte dicindo que presentarían unha proposta para compensar a subida do canon do lixo.
Parece que está decidido a utilizar os cartos de todos os vigueses e viguesas para compensar os recortes que a el lle parecen oportunos pero non hai debate posible nin posibilidade de mellorar as ordenanzas, criticou a portavoz nacionalista, quen destacou que se ten sentido implantar o cobro de taxas as empresas de telefonía é para, segundo o Bloque, que as persoas sen ingresos non teñan que pagar. Pola contra, o alcalde quere que paguen igual, apuntou.