O Bloque pregunta cando Aqualia vai mellorar o abastecemento de Teis e indemnizar aos afectados
O concelleiro do BNG, Xabier Alonso, preguntou ao goberno local, no pleno da corporación, polas medidas que vai tomar para que Aqualia cumpra o acordo plenario de xaneiro que instaba á Concellería de Fomento a realizar un plan de mellora de abastecemento do barrio de Teis.
Xabier Alonso tamén preguntou cando Aqualia vai proceder a indemnizar ás persoas afectadas polas roturas producidas na avenida de Galicia, que provocaron o anegamento dos baixos de varios locais da zona.
Por outro lado, o BNG deu o seu apoio á moción dos populares (e que resultou aprobada por unanimidade) que insta á Concellería de Fomento a elaborar un plan de asfaltado e mantemento das rúas. A este respecto, Santi Domínguez salientou que o problema do goberno local é que non atende os verdadeiros problemas dos barrios nin escoita aos veciños candos os colectivos son críticos.
Non vale para nada humanizar certas rúas se logo non se arreglan os viais interiores, que son os que realmente soportan a mobilidade dos barrios, destacou o concelleiro nacionalista. Se queren poñer en valor os millóns que gastan en humanizacións tamén teñen que poñer en valor o mantemento cotiá, asegurou.
25 millóns da Deputación
Por outro lado, o BNG tamén respaldou a moción presentada polo PsdeG que insta á Deputación de Pontevedra a poñer a disposición do Concello vigués dos 25 millóns de euros refereridos polo vicepresidente desta entidade para proxectos deportivos. Neste sentido, Xabier Alonso lembrou que sendo concelleiro de Deportes enviara escrito para concretar o investimento deses cartos e non deron o paso; nunca puxeron eses cartos a disposición de Vigo, asegurou.
En relación a estes cartos, pero en concreto para o seu investimento nun suposto proxecto deportivo en Navia, BNG e PsdeG rexeitaron unha moción dos populares que instaba á redacción dun novo anteproxecto de explotación para o centro deportivo municipal desa parroquia.
Na súa argumentación Xabier Alonso destacou que a Deputación nunca tivo 25 millóns para investir en Navia. Non podemos votar a favor porque non sabemos a que proxecto se refire o PP, explicou o nacionalista, quen sinalou no 2006 presentaron un proxecto que incluía un centro comercial no espazo deportivo, que logramos paralizar a veciñanza e o BNG, apuntou. E no 2008, cando xa non gobernaban na cidade, presentaron outro.
Xa está ben a propaganda do PP de cousas que non fixeron. Non sigan dicindo falsidades, dixo o concelleiro nacionalista, quen instou ao PP a deixar de facer propaganda cos 25 millóns.
Bus eléctrico
O Bloque tamén votou en contra dunha proposta do PP que instaba ao goberno a presentar un plan de aproveitamento do bus eléctrico (que foi aprobada polo PP e o PsdeG). Precisamente o BNG presentara unha emenda de substitución que reclamaba ao goberno local a repoñer de xeito inmediato o autobús eléctrico como medio de transporte e mobilidade do Casco Vello, que foi rexeitada polos populares.
Na súa intervención, Santi Domínguez acusou ao goberno municipal de non levar a cabo ningunha iniciativa nova para o Casco Vello e de non preocuparse polo seu mantemento cotiá. Si houbo eliminación de servizos que pola nosa presión tiveron que repoñer, asegurou o nacionalista. Criticou a ausencia de campañas de difusión e promoción do bus eléctrico, así como de non facer un estudo para a ampliación do seu percorrido ou de non ter en conta que está en garantía e a empresa debe repoñelo se se avería. Teñen que xestionar, señores do goberno, reclamou.