O BNG urxe ao goberno local a xestionar o plan contra a crise e atender as necesidades das familias

O BNG urxe ao goberno local a xestionar o plan contra a crise e atender as necesidades das familias

A portavoz municipal do BNG, Iolanda Veloso, insta ao goberno local a xestionar xa o plan de compensación contra a crise e dar resposta ás necesidades das familias con menos recursos. Para a nacionalista urxe artellar este plan, dado o considerable aumento das familias que ven reducidos os seus ingresos económicos como consecuencia das medidas crueis do Partido Popular.

“A estas alturas o goberno local non pode escudarse na complexidade do asunto”, dixo Iolanda Veloso en referencia á resposta do concelleiro socialista sobre as xestións que está levando o goberno local para poñer en marcha este plan. Ademais, a pregunta formulada pola portavoz do BNG demandaba os prazos barallados polo goberno municipal para que este plan estea en vigor.

Asemade o BNG apoiou a moción presentada polo PsdeG que demanda coñecer o número de persoas dependentes, así como a igualdade de trato e proporcionalidade cara ao Concello de Vigo nas aportacións da Xunta ao Plan Concertado.

Afogar aos concellos

Neste sentido, Iolanda Veloso acusou á Xunta de afogar aos concellos e aplicar por adianto a eliminación de competencias a respecto dos servizos sociais nos propios concellos mentres non aproba a lei de reforma das administracións locais. “Eliminan as axudas sociais en todos os concellos, especialmente naqueles nos que non gobernan”, criticou.

A portavoz do BNG acusou ademais ao PP de aplicar a súa “política preferida”, como é a do “sálvese quen poida e quen teña recursos que pague”. Tamén criticou o dobre discurso mantido polos populares, ao dicir en Santiago que rexeitan os recortes que deciden en Madrid mentres logo os aplican nos plans concertados cos concellos para que non se poidan prestar servizos, reducen as axudas en dependencia e establecen o copago sanitario para persoas dependentes.

“No día a día manteñen o discurso porque é moi difícil dar a cara”, apuntou Iolanda Veloso, quen asegurou que “atopamos situacións moi dramáticas”, como a descrita no artigo do escritor Francisco Castro 'A nai que os pariu'. “Queremos que se manteña a lei de dependencia e se manteñan as axudas ao plan concertado”, destacou.

O BNG urxe ao goberno local a xestionar o plan contra a crise e atender as necesidades das familias