Carme Adán: Feijóo ten que deixar de ser espectador e garantir a viabilidade de Pescanova"
A deputada no Parlamento galego, Carme Adán, esixiu ao presidente da Xunta que no proceso que atravesa Pescanova teña un papel activo e se comprometa co futuro da factoría. Feijoo non pode ser espectador neste proceso e ten que poñer enriba da mesa un plan estratéxico que garanta a súa viabilidade, subliñou a nacionalista nunha comparecencia na que explicou as iniciativas rexistradas polo Bloque na Cámara galega.
Segundo destacou Carme Adán, nese plan estratéxico, Feijóo debe garantir a galeguidade de Pescanova. Lembrou que desde que en 1995 o goberno galego inxectara 42 millóns para evitar a súa compra por Unilever, a multinacional ten recibido en múltiples ocasións axudas públicas por parte da Xunta.
En concreto, indicou que a Xunta mesmo é socia de Pescanova, xa que Xesgalicia é accionista de Frinova, unha das filiais da multinacional. Como é que o goberno galego non sabía a situación de Pescanova despois de poñer tantos cartos públicos, preguntouse a deputada do BNG.
Diante desta situación o goberno galego non pode esconderse, subliñou Carme Adán, quen esixiu a Feijoo que sexa actor e explique cales son os seus plans de futuro para Pescanova. Ata agora vin a Feijoo mudo, pese a gravidade da situción, denunciou.
Para a deputada nacionalista, é evidente que a Xunta non pode asumir a débdea da empresa, xa que triplica os propios orzamentos da administración galega. Pola contra, debe poñer enriba da mesa un plan para garantir a súa viabilidade.
Mil traballos directos
Carme Adán explicou que multinacional, líder no sector do conxelado, supón máis de 1.000 postos de traballos directos en Galiza e máis de 5.000 indirectos, segundo os cálculos dos sindicatos, e máis de 8.000 en todo o mundo.
Cómpre que Feijóo poña enriba da mesa un plan estratéxico que garanta o mantemento do emprego, demandou a deputada do BNG. Nesta liña expresou a solidariedade do Bloque cos traballadores e traballadoras da multinacional e o apoio ás mobilizacións que convoquen. Sabemos que están pasando un momento moi amargo, apuntou.
Na rolda, que tamén contou coa participación do concelleiro do grupo municipal do BNG de Vigo, Xabier Alonso; o concelleiro do grupo nacionalista en Redondela Xoán Carlos González; e o responsable comarcal, Manuel Caride, os nacionalistas explicaron que o Bloque levará adiante diversas iniciativas nos concellos da comarca de Vigo afectados.