O Bloque pregunta polas actividades no Día de Rosalía e a situación de Normalización Lingüística
O BNG reclama explicacións sobre as obras de mellora no cemiterio de Teis aprobadas o ano pasado en Xunta de Goberno
Vigo, 27 de xaneiro de 2014.- No pleno celebrado esta mañá, o BNG vigués utilizou a súa quenda de preguntas para formular varias interpelacións ao goberno local. Na primeira delas a voceira municipal preguntou polas actividades previstas para conmemorar o Día de Rosalía de Castro, tendo en conta que o 27 de febreiro de 2012 aprobouse por unanimidade declarar o 24 de febreiro como "Día de Rosalía de Castro" no Concello de Vigo.
Iolanda Veloso tamén reclamou explicacións ao concelleiro de xestión municipal polo atraso na contratación laboral-temporal dun/dunha técnico/a superior de normalización lingüística de maneira urxente. Neste sentido explicou que o 1 de marzo de 2013 a Xunta de Goberno Local aprobou a solicitude dunha subvención á Secretaría Xeral de Política Lingüística para a contratación de persoal técnico do Servizo de Normalización que foi concedida.
Se ben á primeira cuestión formulada pola voceira do BNG, o edil socialista asegurou que si existe un programa de actividades elaborado pero non quixo adiantar o seu contido, á segundo asegurou que a incorporación da nova técnica do Servizo de Normalización Lingüística será en febreiro.
Cemiterio de Teis
Por outro lado, o concelleiro Xabier Alonso lembrou que o pasado 2 de agosto aprobouse en Xunta de Goberno Local a declaración de interese público das obras de cimentación dos nichos do cemiterio de Teis que sofren risco de derrubamento. Ao respecto o edil nacionalista preguntou cando se desenvolverán os traballos destas obras, tendo en conta que a Xunta de Goberno sinalou que as obras deberían executarse no menor prazo de tempo posible. Neste sentido a concelleira responsable lembrou que son de titularidade privada e que nos orzamentos de 2014 estará consignada a súa reparación.