O BNG logra a aprobación no pleno das súas propostas sobre aborto, sanidade e fiscalidade

O BNG logra a aprobación no pleno das súas propostas sobre aborto, sanidade e fiscalidade

O grupo nacionalista rexeitou as mocións presentadas polo grupo popular sobre igualdade e o control político da Federación Veciñal 'Eduado Chao'

Vigo, 27 de xaneiro de 2014.- O BNG deu o seu apoio as mocións do PSOE despois de que o grupo socialista aceptara as emendas formuladas polo grupo nacionalista sobre aborto, sanidade e cotizacións de autónomos. “O BNG está totalmente en contra do anteproxecto de lei que propón o PP, que é totalmente coherente coa política desenvolvida polo goberno do Estado e o goberno da Xunta que supón o retroceso nos dereitos das mulleres”, destacou Iolanda Veloso no debate da moción sobre o aborto.

A portavoz municipal nacionalista subliñou que o PP utiliza “premisas falsas e mesmo mentiras” para apoiar a reforma da lei do aborto, como acontece cando aseguran apoiar á maternidade. Ademais criticou as referencias á Red Madre na información facilitada pola Xunta ás mulleres previamente a consentir a interrupción voluntaria do embarazo.

Así proposta do BNG aprobada polo pleno demanda ao goberno do Estado a manter e aplicar a Lei orgánica 2/2010 de saúde sexual e reprodutiva e da interrupción voluntaria do embarazo, así como instar á Xunta de Galiza a garantir que en todas as áreas sanitarias os hospitais públicos galegos atendan a demanda existente de realización de abortos e que a información ofrecida sexa obxectiva.

Tamén se demanda que a Xunta de Galiza poña en marcha unha campaña de formación e información sobre métodos anticonceptivos, fundamental para evitar embarazos non desexados e prácticas sexuais de risco e que o Concello impulse unha campaña de información e divulgación sobre os recursos cos que contan as mulleres para interromperen voluntariamente o embarazo.

pleno xaneiro Santi

Reclamar recursos

O BNG engadiu á moción do PSOE sobre o mapa sanitario que o xerente da Área de Vigo reclame recursos para incrementar a eficiencia dos seus recursos. Neste sentido, o edil Santi Domínguez alertou de que a reasignación de pacientes é “un despropósito máis no obxectivo do PP de privatizar a sanidade”.

Por outro lado, a emenda do Bloque tamén esixe que o novo hospital teña a dotación necesaria para dar unha resposta satisfactoria de forma que manteña a Área Sanitaria de Vigo como área punteira de referencia para as provincias de Pontevedra e Ourense naquelas especialidades que, por criterios científicos e asistenciais non podan ser atendidas nas súas áreas respectivas.

Reforma fiscal progresiva

O BNG acadou o respaldo unánime do pleno para demandar ao Goberno do Estado que aprobe as reformas lexislativas necesarias para promover unha reforma fiscal verdadeiramente progresiva, que grave ás grandes fortunas e grandes empresas, persiga a fraude fiscal e non incremente as cargas sobre as persoas autónomas e pequenas empresas.

A proposta nacionalista tamén instar á Xunta de Galiza a pór en práctica políticas activas de emprego en Galiza, como mellor mecanismo para garantir a sustentabilidade da Seguridade Social, con especial incidencia nas políticas sobre a mocidade e as mulleres, os segmentos máis vulnerábeis para a obtención de emprego. Neste sentido, o edil Xabier Alonso destacou que a precarización dos novos contratos de traballo e a forte destrución de emprego en Galiza amosan o “fracaso da política económica de Feijóo”.

Contra as mocións do PP

Por outro lado, o Bloque rexeitou dúas das mocións presentadas polos populares, unha referida á Favec e outra sobre igualdade. Ao respecto o concelleiro Santi Domínguez criticou o afán do PP de controlar politicamente a Federación Veciñal, ao propoñer crear unha comisión d control sobre os plan de emprego e un equipo de traballo que defina as súas necesidades.

“Esta moción está absolutamente fóra de lugar desde todos os puntos de vista”, destacou Iolanda Veloso a respecto da moción sobre igualdade defendida polo PP, ao tempo que criticou a intervención da concelleira popular contra as asociacións de mulleres. “Hai movementos sociais na cidade que reaccionan contra un goberno do PP cheo de extremistas radicais que queren eliminar os dereitos das mulleres e retrotraernos ao século XIX”, subliñou.

A respecto das manifestacións da concelleira popular sobre o uso partidista das institucións no eido da igualdade a portavoz nacionalista sinalou que “ten graza que sexa o PP quen fala de utilización das institucións de xeito partidista” cando é a Red Madre a encargada de dar información ás mulleres embarazadas no noso país.

 

O BNG logra a aprobación no pleno das súas propostas sobre aborto, sanidade e fiscalidade