Veloso: O acontecido con Sereos amosa a forma de traballar do goberno local: sen falar con ninguén"
O Bloque critica a xestión que fai o goberno municipal dos temas relacionados cos servizos sociais
Vigo, 17 de xaneiro de 2014.- A portavoz municipal do BNG, Iolanda Veloso, respondeu ás preguntas dos medios sobre o acontecido co servizo Sereos nos últimos días. Ao seu xuízo trátase dun claro exemplo da forma de traballar do goberno local: sen falar con ninguén e buscando titulares, pero vemos que os titulares só duran un día.
Iolanda Veloso recordou que o goberno vigués pechou o antigo local no que se prestaba o servizo de Sereos sen ter pechada unha alternativa. Para a nacionalista é lamentable que agora buscara unha nova ubicación sen falar con ningún dos colectivos afectados, posto que se enteraron da última proposta polos medios de comunicación.
Este goberno demostra que hai temas relacionados cos servizos sociais e coas persoas que lles custa xestionalos, dixo a voceira do BNG, quen asegurou que para atopar solucións satisfactorias cómpre falar moito coa xente. O problema é que este goberno non fala con ninguén, criticou.
Porén, e segundo destacou a nacionalista, a realidade é que os usuarios de Sereos están sendo atendidos na rúa pese a que hai aprobado un acordo plenario reclamando unha pronta solución.