O Bloque propón que un representante dos traballadores do naval recolla a Medalla da Cidade
Iolanda Veloso trasladou esta proposta ao alcalde e salientou que no acto debe visibilizarse a loita pola pervivencia dun sector emblemático de Vigo
Vigo, 20 de marzo de 2014.- A portavoz municipal nacionalista, Iolanda Veloso, defendeu que no acto dos Vigueses Distinguidos a Medalla da Cidade sexa recollida por un representante dos traballadores e traballadoras do naval. A voceira do BNG destacou que deste xeito o acto previsto o vindeiro 27 de marzo simbolizará o recoñecemento a súa loita en defensa do sector e polo mantemento dos postos de traballo.
Consideramos imprescindible que se visibilice na entrega da Medalla da Cidade o gran esforzo que están facendo os traballadores e traballadoras do naval desde hai moito tempo, destacou a voceira do BNG, quen explicou que xa lle trasladou ao alcalde esta proposta e esperamos que se reflicta nun recoñecemento dos principais actores pola pervivencia do sector.
Iolanda Veloso lembrou que o naval é un sector especialmente importante para a economía viguesa, pero que debemos fuxir da visión de que é un sector recuperado, en tanto que nas gradas dos estaleiros aínda non se está cortando chapa. Segundo destacou, esta situación provoca que os seus traballadores leven longos meses padecendo as consecuencias de crise e incluso moitos deles xa non reciben ningún tipo de prestación.