O BNG esixe responsabilidades polo vertido do Lagares e máis medidas de prevención
Carme Adán lembra que Augas de Galicia asegurou ter activado o protocolo correspondente e lle reclama transparencia na súa actuación
Vigo, 26 de marzo de 2014.- A deputada do BNG Carme Adán rexistrou diversas preguntas no Parlamento galego nas que demanda información sobre as causas dos vertido químico no Lagares que o pasado día 23 provocou a morte de boa parte da fauna do río. Para a deputada nacionalista cómpre máis medidas de prevención, pero tamén máis sancións para os responsables destas catástrofes medioambientais.
Xa pasaron tres días desde que se produciu o vertido e aínda non se fixeron públicas as súas causas, pese a que Augas de Galicia recoñeceu ter activado o protocolo correspondente, criticou Carme Adán, ao tempo que reclamou que se dea a coñecer a conclusión da investigación realizada.
Segundo subliñou a responsable do Bloque é fundamental que Augas de Galicia actúe de forma transparente e que se aclaren as responsabilidades. Nas iniciativas presentadas, tamén asinadas pola deputada Ana Pontón, o BNG pregunta asemade polas medidas executadas para a rexeneración da zona.
Ademais de tomar medidas para que non acontezan sucesos deste tipo que destrozan a nosa riqueza medioambiental, unha vez que acontecen cómpre actuar con celeridade para que a recuperación dos espazos afectados sexa o máis rápida posíbel, defendeu Carme Adán.