O Bloque reclama ao goberno que execute os 250.000 euros restantes do plan contra a crise

O Bloque reclama ao goberno que execute os 250.000 euros restantes do plan contra a crise

A portavoz municipal do BNG, Iolanda Veloso, reclama información ao goberno sobre o destino que lle vai dar aos 250.000 euros que non foron incluídos o pasado venres na modificación da convocatoria do plan de compensación contra a crise. “Por que non se destinaron ás axudas para as que están recollidos nos orzamentos municipais?”, pregunta

Iolanda Veloso lembrou que na convocatoria de axudas con cargo á partida do plan social contra a crise, de 3.200.000 euros realizáronse dúas convocatorias: a primeira, dotada con 200.000 euros, destinada a comedores sociais e bancos de alimentos e, a segunda, con 2.450.000 euros, para atención directa de familias de Vigo.

A respecto dos 300.000 euros de diferenza, o concelleiro Santos Héctor explicou no pleno que a xunta de goberno aprobou unha modificación da convocatoria na que se inclúen eses 300.000 euros. “Que pensa facer o goberno local cos 250.000 € restantes?”, preguntou a portavoz municipal do BNG.

Patrimonio da Fundación Novacaixagalicia

Santi Domínguez, pola súa banda, lembrou que no pleno do pasado mes de maio aprobouse por unanimidade unha moción na que se instaba ao alcalde de Vigo a demandar da Fundación Novacaixagalicia información detallada das súas propiedades, actividades e postos de traballo na nosa cidade. “Que xestións realizou ata o día de hoxe sobre esta cuestión? Que información pode trasladar aos grupos municipais sobre a situación da Fundación?”, preguntou o concelleiro nacionalista.

Centros cívicos

O edil Xabier Alonso, finalmente, preguntou ao goberno pola situación laboral das traballadoras dos centros cívicos despois da adxudicación do contrato de xestión. Vai o goberno local garantir a permanencia das traballadoras que levan prestando os seus servizos durante 9 anos con moi bos resultados, recoñecidos polo propio goberno por exemplo no caso da xestión do Banco do tempo? Van recibir o alcalde e o concelleiro de participación cidadá aos usuarios e usuarias do Banco do tempo quesolicitaron unha entrevista para trasladarlle a demanda da continuidade nos seus postos das traballadoras dos centros cívicos?”, demandou.

 

O Bloque reclama ao goberno que execute os 250.000 euros restantes do plan contra a crise