Iolanda Veloso acusa ao PP de utilizar e enganar aos estafados polas preferentes
O BNG rexeita a decisión antidemocrática do presidente da Deputación de continuar o pleno a porta pechada.
A portavoz municipal do BNG e deputada provincial, Iolanda Veloso, acusou a Rafael Louzán de ser un presidente déspota ao decidir continuar o pleno da Deputación a porta pechada, despois de que os estafados polas preferentes interviñeran na sesión reclamando a devolución íntegra dos seus cartos. Asemade acusou a Louzán de enganar aos preferentistas utilizando argumentos falsos ao recomendarlles continuar a vía da arbitraxe.
Louzán é un presidente autoritario que recurre a medidas antidemocráticas despois de non responder ás demandas dos afectados polas preferentes, denunciou Iolanda Veloso sobre a decisión de continuar o pleno a porta pechada.
Para a deputada provincial, outro exemplo do autoritarismo de Louzán é a actitude que mantivo o presidente da Deputación longo da sesión mentres interviron os preferentistas, consultando o seu ipad en lugar de escoitar e responder as súas demandas.
Iolanda Veloso tamén criticou o silencio de Louzán despois de que a propia deputada nacionalista lle demandase explicacións sobre as súas xestións a respecto do acordo alcanzado no pleno provincial anterior. En dito acordo reclamábase a paralización das quitas e o impulso dunha xuntanza entre o ministro De Guindos e os afectados, entre outras medidas.
Desde o BNG pedimos explicacións ao presidente da Deputación sobre as súas xestións na defensa da cidadanía de Pontevedra, tendo en conta que é un militante destacado do Partido Popular, en concreto presidente do PP provincial, manifestou a portavoz nacionalista.
Respaldo aparente dos alcaldes
Por outro lado, Iolanda Veloso lembrou que os afectados e afectadas polas preferentes acadaran o respaldo nos últimos días de seis alcaldes populares da provincia de Pontevedra ás medidas de presión que utilizaran para tentar recuperar a totalidade dos seus cartos. Precisamente na sesión de hoxe os estafados querían manter ese compromiso dos populares, pese a que deses alcaldes só dous (o de Salvaterra e o de Porriño) estaban presentes.
Ao respecto, a deputada nacionalista criticou que, rompendo ese acordo, Louzán se limitara na súa intervención a falar da arbitraxe, cando todo o mundo sabe que rematou o prazo e pese a que no pleno os afectados lle demandaron o seu compromiso explícito de apoio ás medidas de presión que adopten as plataformas, engadíu.
O presidente da Deputación utilizou argumentos falsos na súa intervención, posto que a arbitraxe xa está pechada, denunciou a deputada do BNG, para quen é sumamente grave que o PP utilice aos afectados brindándolles primeiro o seu apoio e incitándoos logo a seguir unha vía imposible de retomar.
Fronte a este engano do PP, Iolanda Veloso asegurou que o BNG seguirá atendendo e defendendo as reclamacións das plataformas de estafados para que poidan recuperar os seus cartos integramente. Neste sentido puxo como exemplo a propia actitude do grupo nacionalista provincial, saíndo do pleno cos afectados e negándose a participar nun pleno a porta pechada.