O Bloque reclama máis vixianza en Peinador para evitar o vandalismo dos punteiros láser
A deputada do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, rexistrou unha pregunta parlamentar na Cámara para preguntarlle ao Goberno que medidas de vixianza e control está a adoptar para evitar o denominado vandalismo aeronáutico
Davila explica que nalgúns aeroportos do Estado se está alertando sobre prácticas que está na pór en perigo as manobras de aterraxe dos avións. Unha nova forma de vandalismo aeronáutico que consiste en deslumbrar aos avións cuns punteiros láser cando están en plena manobra de aterraxe. No que vai de ano xa se produciron 35 queixas de pilotos.
Feitos que tamén se detectaron no aeroporto vigués de Peinador. AENA é coñecedor destas situacións porque moitos pilotos de liñas comerciais se queixaron ás torres de control de ter sido cegados por este tipo de aparatos. Parece que AENA trasladou o tema á Garda Civil para que iniciase investigacións.
Que controis se fixeron en Peinador?
A deputada do BNG alude ao caso concreto de Peinador, onde según parece se inspeccionaron dúas zonas: á altura da cabeceira norte da pista, en Redondela, e no sur, en Mos.
Davila pón de manifesto que no Estado español está prohibida a venda dos modelos de punteiros máis potentes que só deben utilizar profesionais. Máis este tipo de vandalismo estendeuse por Europa o que levou a Eurocontrol a estabelecer un protocolo de actuación para os pilotos. É un tema preocupante desde o ponto de vista da navegación aérea porque pode causar unha desgraza.
De aí que a parlamentar nacionalista dirixa ao Goberno unha serie de preguntas para saber cantas detencións se realizaron por este tema e cantas queixas de pilotos se contabilizaron no aeroporto de Vigo e que investigacións se levaron a cabo. Ademáis, quer coñecer se o Goberno deu instruccións á Garda Civil para extremar a vixianza.