O BNG pide anular a autorización do proxecto de parque eólico na Serra do Galiñeiro
A portavoz de Industria do BNG, Carme Adán rexistra varias iniciativas parlamentarias ao fin de paralizar a execución do parque eólico na Serra do Galiñeiro e preservar os seus valores e funcións económicas, medioambientais e sociais.
Asemade, a parlamentar insta ao Goberno galego a apoiar a tramitación de área protexida e incorporación da Serra do Galiñeiro ao Parque Natural do Aloia.
Para a nacionalista, esta Serra representa un verdadeiro paraíso rochoso e emblema paisaxístico do Sur de Pontevedra cunha silueta peculiar que se visualiza dende moitos puntos da contorna e a motos quilómetros de distancia.
O planeamento urbanístico dos concellos polos que se estende a Serra, explica Adán, respectou os seus valores naturais e patrimoniais como reflicte a documentación específica de ordenación, deste xeito os concellos de Vigo, Porriño, Mos e Gondomar cualifícana na súa Ordenación Urbanística como zona de Solo Rústico de Protección Especial de Espazos Naturais.
Na iniciativa parlamentaria, a deputada do BNG tamén alude ao manifesto apoiado pola cidadanía en defensa da Serra do Galiñeiro e contra a implantación do Parque Eólico polo que reclamará no Parlamento galego a anulación da súa execución.