O Bloque reúnese con colectivos sociais para dar a coñecer as propostas para mellorar as ordenanzas
O BNG mantivo onte un encontro coa executiva da CIG e hoxe reunirase coa directiva da Favec
O BNG de Vigo está levando unha serie de encontros cos colectivos sociais da cidade para dar a coñecer a súa proposta de mellora das ordenanzas municipais para 2014. Queremos trasladar o debate sobre as ordenanzas á sociedade, xa que o alcalde nolo impide no pleno, defendeu a portavoz municipal do Bloque, Iolanda Veloso.
A portavoz nacionalista criticou a negativa do rexedor vigués a cumprir o acordo plenario que o insta a debater en pleno a totalidade das ordenanzas. Non sabemos por que o alcalde segue sen querer debater e impide que oposición e cidadanía presentemos emendas e alegacións, manifestou.
Deste xeito, o grupo municipal do BNG -integrado por Iolanda Veloso, Santi Domínguez e Xabier Alonso- e o responsable local, Henrique Viéitez, mantiveron un encontro coa executiva comarcal da CIG, encabezada polo seu secretario, Serafín Otero.
Na reunión defenderon a necesidade de aliviar a presión fiscal das persoas en peor situación económica mediante, entre outras medidas, a exención para as persoas que ingresen o 85% do salario mínimo interprofesional tanto para a taxa do lixo, as escolas infantís ou o IMD. Ademais, destacaron a pertinencia de aumentar as bonificacións ao pequeno e mediano comercio, así como á Universidade a respecto do imposto do IBI.
Seguindo con esta rolda de contactos cos colectivos sociais e veciñais da cidade, o Bloque vigués manterá unha xuntanza coa directiva da Federación Veciñal.