O BNG critica a falta de esforzo do goberno para potenciar o auditorio e mellorar o seu contorno
A portavoz municipal do BNG, Iolanda Veloso, respondeu aos medios sobre a situación do auditorio Mar de Vigo e criticou a falta de vontade política do goberno local para potenciar estas instalacións mediante unha programación continuada. Asemade, a portavoz nacionalista criticou que non se acometera ningunha actuación para mellorar o contorno do recinto.
Este goberno só tivo vontade política para colocar a placa. Oxalá lle dedicaran a metade de tempo e de esforzo para colocar a placa que para potenciar o auditorio, destacou Iolanda Veloso, quen lembrou que despois do gran traballo que custou construír e abrir este recinto non funciona só.
Ao seu xuízo, foi necesario un gran esforzo conseguir que Vigo contara cun auditorio como o de Beiramar, pero logo non se fixo nada máis, nin se desenvolveu o contorno nin se traballou na promoción da cidade, considerou.
Sobre a comisión de investigación, recordou que a súa constitución é froito dun acordo plenario que os grupos políticos teñen que acatar independentemente do seu voto particular no pleno. Porén, salientou que se non participa o goberno local e a oposición non ten a posibilidade de discutir co goberno os problemas e as alternativas, esa comisión non ten sentido.
Se o goberno local non ten interese en buscar solucións non ten sentido que os partidos da oposición nos dediquemos a dar voltas sobre nós mesmos, sinalou Veloso preguntada sobre a postura do Bloque ao respecto.