O BNG absterase no pleno sobre o plan de investimentos porque considera que non son suficientes"
Vigo, 16 de xaneiro de 2014.- A portavoz municipal do BNG, Iolanda Veloso, avanzou que o grupo nacionalista se absterá no vindeiro pleno sobre o plan de investimentos. Non nos imos opoñer a estes investimentos, pero pensamos que a 23 de xaneiro deberiamos estar aprobando orzamentos para atender as necesidades da cidadanía e das persoas que precisan os recursos do Concello, subliñou.
Iolanda Veloso destacou que maila que as propostas feitas polo Bloque están recollidas no proxecto, a estas alturas non son suficientes para a cidade. Lembrou que a posibilidade de investir 5,9 millóns de euros era coñecida desde hai tempo e que incluso o BNG fixo a súa proposta en agosto, presentada polo concelleiro Santi Domínguez.
Perante o silencio do goberno sobre o destino que pretendía darlle a estes cartos e o temor de seguise coas mal chamadas humanizacións de carácter fundamentalmente estético no centro da cidade en decembro reiteramos as nosas propostas, apuntou. Neste sentido lembrou que o Bloque reivindicou a solución de problemas básicos en barrios e parroquias da cidade, en especial no Casco Vello e en Teis.
Ademais, e recollendo as demandas de Foanpas, o BNG tamén propuxo acometer reformas en diversos centros de ensino, co obxectivo de mellorar a súa accesibilidade. Consideramos que estes investimentos son necesarios, tal e como nos transmitiron distintos colectivos da cidade, e, xa que logo, non imos opornos á súa aprobación, destacou a portavoz nacionalista.
Orzamentos de 2014
Porén, Iolanda Veloso sinalou que a estas alturas do ano deberíamos estar aprobando en pleno son os orzamentos para 2014, posto que as necesidades da cidadanía van moito máis aló dun plan de investimentos. Salientou que esas necesidades inclúen de maneira prioritaria accións destinada ao fomento do emprego e á atención das necesidades sociais, nunha cidade especialmente castigada pola crise e o desemprego.
Nesta situación, a portavoz do BNG puxo de manifesto que Vigo non conta cun orzamento para facer fronte as necesidades das persoas. Temos un goberno sen capacidade de autocrítica e que non fai o esforzo por preparar os orzamentos nin por atender as necesidades. Semella satisfeito con ter 5,9 millóns para investimentos, criticou.
Iolanda Veloso explicou que como no caso das dúas novas ordenanzas fiscais que gravan compañías privadas, o BNG non se oporá, pero a nós isto non nos chega. Ao respecto denunciou a falta de xestión de orzamentos anteriores, a non executar o 100% de partidas especialmente sensibles, como poden ser as axudas ás familias ou o plan social contra a crise. Isto unido ao feito de non contar a día de hoxe sequera cun proxecto de orzamentos para 2014 demostra a ausencia de vontade política de atender as necesidades cidadás, destacou.
Ademais, apuntou que a ausencia de proposta de orzamentos e a prórroga dos orzamentos do ano anterior é especialmente preocupante para o BNG. Indicou que no caso de volver prorrogar os orzamentos se non obtén un acordo plenario para uns novos, a nova lei de racionalización e sostibilidade da administración local do Partido Popular permitiríalle ao goberno en minoría aprobar uns novos orzamentos en xunta de goberno sen aprobalos no pleno.
Preguntada polas declaracións do alcalde nas que aseguraba que o BNG é o socio preferente para aprobar as contas de 2014, a portavoz nacionalista asegurou que non se trata de que os orzamentos se aproben por unanimidade ou que o BNG sexa socio ou non, a realidade é que non hai proxecto de orzamentos ou polo menos níos non o coñecemos.