O BNG acada o respaldo para que o goberno local presente un plan anual de publicidade e comunicación

O BNG acada o respaldo para que o goberno local presente un plan anual de publicidade e comunicación

A moción presentada polo Bloque Nacionalista Galego que insta ao goberno local a presentar un plan anual de publicidade e comunicación resultou aprobada co apoio do PP e a abstención do PSOE. Na defensa da proposta, a portavoz municipal do BNG, Iolanda Veloso, defendeu que nos momentos actuais é preciso “estar á altura” e que os recursos públicos se utilicen “para priorizar os servizos sociais”.

Iolanda Veloso defendeu a necesidade de facilitar información á cidadanía, pero alertou do doado que resulta “traspasar a liña entre a información que precisa a cidadanía para participar na vida pública e o simple autobombo”, polo que salientou que ao BNG non lle parece axeitado dedicar cartos públicos a publicidade e propaganda.

“Que pasou cos 250.000 euros que non se incluíron nas axudas do plan de compensación contra a crise?”, preguntouse a portavoz nacionalista, quen tamén expresou as súas dúbidas sobre a publicidade e a propaganda da concentración en defensa de Peinador convocada polo PSOE. Asemade, criticou que os cartos empregados na exposición sobre o Casco Vello terían servido para desenvolver actuacións de mellora no barrio, “que ultimamente está moi descoidado”, apuntou.

O documento do BNG tamén insta a utilizar para publicidade e propaganda unicamente as partidas designadas con esta denominación nos orzamentos municipais, “sen detraer en ningún caso das partidas doutros programas, nin sequera para a difusión dos propios programas”.

“Se realmente hai unha sensibilidade tan grande non vexo cal é o problema de traer o plan de publicidade e comunicación ao pleno”, comentou a portavoz nacionalista, quen en resposta ás críticas esgrimidas polo portavoz socialista destacou que desde o 2007 ata agora hai grandes diferenzas. “Daquela non imaxinabamos ter que falar de copago sanitario ou de pago das próteses”, apuntou.

Prema aquí para ver a moción sobre comunicación e publicidade

Estación de autobuses

Por outro lado, o PSOE aceptou modificar a súa moción na que instaba á Xunta de Galiza a mellorar a estación de autobuses e incluir a proposta do BNG para que o goberno local impulse o transporte metropolitano, de xeito que garanta un servizo máis eficiente para a poboación de Vigo e a súa área de influencia.

Ademais, a emenda do Bloque insta ao goberno municipal a estabelecer liñas de transporte urbanas que comuniquen a estación de autobuses coa estación de Adif e co aeroporto de Peinador e á Xunta a modificar a rotulación, incluíndo os textos en galego.

Prema aquí para ver a emenda sobre as melloras na estación de autobuses

 

O BNG acada o respaldo para que o goberno local presente un plan anual de publicidade e comunicación