O Bloque rexeita a proposta de amortización de débeda aprobada por PSOE e PP no pleno

O Bloque rexeita a proposta de amortización de débeda aprobada por PSOE e PP no pleno

No pleno da corporación, o Bloque Nacionalista Galego votou en contra da amortización de débeda proposta polo goberno local, e aprobada por PSOE e PP, ao considerar que esta medida só ten como obxectivo “dar liquidez aos bancos”, segundo destacou na súa intervención a portavoz municipal nacionalista Iolanda Veloso.

“Estamos radicalmente en contra destas medidas postas en marcha polo PP que pretenden que lle deamos liquidez aos bancos”, subliñou a voceira do BNG, quen criticou que estas medidas “obrigan a priorizar o negocio dos bancos fronte os servizos á cidadanía”.

Iolanda Veloso destacou que o Bloque reclama a modificación da lexislación de xeito que se permita utilizar os cartos municipais para prestar os servizos que necesitan os cidadáns e cidadás. “Non podemos utilizar os nosos cartos para dar servizos e nós iso non o imos apoiar nunca”, asegurou.

Insubmisión

Fronte á decisión de PP e PSOE de sacar adiante esta modificación de crédito, a portavoz municipal do BNG suxeriu a insubmisión á lei, e ao respecto puxo como exemplo a Deputación de Pontevedra. Sinalou que precisamente no seu último pleno este organismo decidiu non darlle os cartos aos bancos, senón empregalos en plans de emprego. “Veremos se a Xunta de Galiza llo permite”, apuntou ao respecto.

Xa na aprobación inicial desta amortización, na que o PSOE votou a favor e o PP se abstivo, Iolanda Veloso criticara o argumento empregado polo goberno local segundo o cal o obxectivo era acadar a débeda cero. Para a responsable nacionalista, esta non debe ser a meta, senón que a prioridade debe consistir en prestar os servizos que a cidadanía precisa.

 

O Bloque rexeita a proposta de amortización de débeda aprobada por PSOE e PP no pleno