O BNG reclama actuacións urxentes no IES de Beade, sen auga potábel dende hai medio ano
A fronte nacionalista esixe que a Xunta de Galiza, como responsábel do centro, e o Concello, como titular da rede de subministro, resolvan esta situación que causa un “evidente prexuízo” na comunidade educativa
Xabier P. Igrexas: “O IES de Beade está asumindo o gasto de auga embotellada para as arredor de 500 alumnas e alumnos pola falla de resposta dos Gobernos galego e local”
O Bloque Nacionalista Galego reclama actuacións urxentes no Instituto de Educación Secundaria de Beade, que leva dende finais do ano 2023 sen subministro de auga potábel. A fronte nacionalista esixe que a Xunta de Galiza, como responsábel do centro, e o Concello de Vigo, como titular da rede de subministro, cooperen para resolver canto antes os problemas provocadas pola presenza de chumbo e ferro na auga, causando un “evidente prexuízo” na comunidade educativa.
O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, cualificou esta situación de “incomprensíbel” e afeou que o propio centro estea a asumir o gasto para facilitar auga embotellada as arredor de 500 alumnas e alumnos deste instituto público pola falla de resposta de ambas administracións.
Igrexas urxiu o Goberno de Abel Caballero a que ordene á concesionaria do servizo de abastecemento, Aqualia, que realice novas análises oficiais para determinar o estado da auga no centro educativo así como para esclarecer a orixe destes materiais pesados, co obxectivo de iniciar o antes posíbel as reparacións necesarias para restablecer o subministro de auga potábel.
Aliás, dende o Bloque consideraron que tanto a Xunta como o Concello teñen que cooperar para fornecer ao centro de auga potábel mentres non se soluciona o problema, evitando así que o centro siga facendo fronte a este gasto co seu escaso orzamento.