O BNG esixe a intervención da Xunta diante da gravísima situación nas ambulancias do 061 na área de Vigo
A fronte nacionalista urxirá no Parlamento galego que a Xunta actúe rescatando a concesión en mans de Ambulancias do Atlántico, garantindo o pago de salarios e provedores e investigando o uso dos recursos públicos recibidos pola concesionaria
Montse Prado: “Non podemos permitir que a saúde e a vida da veciñanza da área sanitaria de Vigo estea permanentemente en risco, a Xunta ten que deixar de poñer parches e actuar con contundencia”
Xabier P. Igrexas: “Este é tamén o legado da xestión do último conselleiro de Sanidade, hoxe relevado, Julio García Comesaña, que se negou a meter man en algo tan serio e grave como as condicións nas que se atenden as emerxencias sanitarias”
O Bloque Nacionalista Galego levará ao Parlamento galego a esixencia de que a Xunta de Galiza interveña de maneira inmediata na gravísima situación que atravesa o servizo de ambulancias do 061 nos concellos de Vigo, Cangas e Moaña e que presta servizos para os hospitais da área sanitaria.
Así o vén de anunciar a deputada e portavoz de Sanidade do BNG no Parlamento galego, Montse Prado, que xa rexistrou unha batería de iniciativas nas que demandan que o Sergas inicie o rescate da concesión do servizo, hoxe privatizado en mans de Ambulancias do Atlántico, e que garanta o pago de salarios pendentes ao seu persoal e que as ambulancias contan cos medios necesarios para operar. Aliás, Prado esixirá que se abra unha investigación para esclarecer o uso dos recursos públicos recibidos pola empresa.
“Non podemos permitir que a saúde e a vida da veciñanza da área sanitaria de Vigo estea permanentemente en risco, a Xunta ten que deixar de poñer parches e actuar con contundencia” reclama Prado.
A deputada nacionalista lembra que os problemas do transporte sanitario terrestre “son constantes e veñen de moi lonxe” e que o BNG ten demandando reiteradamente á Xunta de Galiza que actuase. “Cando non se solucionan os problemas estes non fai máis que alargarse”, reprocha Prado, quen alerta da situación crítica da empresa concesionaria que ten pagos salariais pendentes cos seus 260 traballadores e traballadoras desde o mes de xaneiro e que ten gravísimas dificultades para se fornecer de medios esenciais para o servizo como poden ser combustíbel e mesmo osíxeno medicinal, polo impago a provedores.
Insuficiencia de ambulancias en Vigo
De por parte, o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, subliña a falla de resposta do Goberno galego do Partido Popular diante das “reiteradas queixa e denuncias” polas condicións nas que se presta o servizo de ambulancias do 061.
Igrexas explica que un dos principais problemas era e continúa a ser a insuficiencia de ambulancias para atender as necesidades sanitarias da área e singularmente da cidade de Vigo. Na actualidade a cidade dispón de apenas 6 ambulancias de Soporte Vital Básico en horario de día, 3 pola noite, e só 1 de Soporte Vital Avanzado complementada con outra dotada só con enfermería durante 12h. “Con estes medios a capacidade de resposta diante de situacións de emerxencia sanitaria está claramente limitada”, alerta.
Para o portavoz municipal nacionalista a situación das ambulancias do 061 é un dos exemplos máis claros das “nefastas políticas do Partido Popular” que con recortes e privatizacións fixeron da área de Vigo a zona cero da desfeita sanitaria. “Este é tamén o legado da xestión do último conselleiro de Sanidade, hoxe relevado, Julio García Comesaña, que se negou a meter man en algo tan serio e grave como as condicións nas que se atenden as emerxencias sanitarias”, reprochou.
“O Sergas ten que actuar xa para resolver este problema e garantir un servizo de ambulancias para o 061 na área de Vigo que deixe de ser un ameaza para a vida e a saúde das persoas”, remachou.