O BNG acusa a Abel Caballero de “vaciar” os museos de Vigo
A fronte nacionalista denuncia que a rede museística da cidade perdeu case a metade de visitantes na última década polo “desleixo” do Goberno municipal.
Xabier P. Igrexas: “A situación dos museos é un exemplo clamoroso da nefasta política de desertización cultural que aplica o PSOE en Vigo”.
O Bloque Nacionalista Galego acusa a Abel Caballero de “vaciar” os museos de Vigo. A fronte nacionalista sinala que a rede museística da cidade perdeu case a metade de visitante durante a última década a causa do “desleixo” do Goberno municipal, polo que urxe medidas para reactivala como a ampliación de horarios, da oferta expositiva e das actividades de dinamización.
“Estes datos son consecuencia directa da escasísima programación dos museos de Vigo e de ofrecer horarios raquíticos con centros que abren apenas unhas poucas horas á semana”, subliñou este mércores o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, coincidindo co Día Internacional dos Museos.
A rede museística de Vigo pechou 2021 cun total de 120 mil visitantes, unha cifra que en 2011 ascendía a 235 mil persoas
A xuízo das nacionalistas, a realidade é “especialmente grave” en museos como o Museo de Arte Contemporánea (Marco), que perdeu neste período un 73% de afluencia e rexistrou o pasado ano o peor dato de toda a década con apenas 31 mil visitas. No caso do Verbum, a caída foi do 91%, mentres que o arquivo Pacheco só recibiu 371 persoas en todo o curso polo “total e deliberado abandono” do Goberno municipal.
“Esta situación é un exemplo clamoroso da nefasta política de desertización cultural que aplica o PSOE en Vigo”, recriminou Igrexas, que lamentou as continuadas negativas do goberno de Abel Caballero ás numerosas iniciativas e emendas aos orzamentos municipais presentadas polo BNG durante os últimos dez anos.
Desde a fronte nacionalista reiteraron a urxencia de desenvolver o plan de musealización da cidade e medidas concretas como unha ampliación significativa dos horarios, da oferta da programación expositiva e das actividades de dinamización e promoción por parte da concellaría de Cultura.
“Non podemos permitir que Vigo, que se ten definido historicamente como un verdadeiro motor cultural do conxunto de Galiza, vexa esmorecer un elemento tan importante como a súa rede museística polo desleixo do goberno de Caballero”, salientou o edil do Bloque.
Pesar polo pasamento do escritor Domingo Villar
Desde o BNG trasladan tamén o fondo pesar polo pasamento do escritor vigués Domingo Villar. "A cidade chora a perda dun dos seus referentes culturais. A súa obra perdurará como un legado magnífico. Todo o afecto para a súa familia diante desta perda que todas as viguesas sentimos como propia. Que a terra lle sexa leve”, expresou Igrexas.