O BNG censura que o Concello de Vigo dedique a promover a lingua galega o 5% do que gasta en becas de inglés
A fronte nacionalista reclama ao goberno de Abel Caballero que deixe de axir como un "axente desgaleguizador", incumprindo de maneira “deliberada” a ordenanza municipal de normalización lingüística, e como “cómplice das políticas galegófobas” da Xunta do PP.
Xabier P. Igrexas: “Non podemos seguir soportando decisións políticas que marxinan o idioma propio do noso País en ámbitos tan importantes como a programación cultural”.
O Bloque Nacionalista Galego critica que o Concello de Vigo dedique a promover a lingua galega apenas un 5% do que gasta en becas de inglés. A fronte nacionalista reclama máis unha vez ao goberno de Abel Caballero que deixe de axir como un “verdadeiro axente desgaleguizador” da maior cidade de Galiza, incumprindo de maneira “reiterada e deliberada” a ordenanza municipal de normalización lingüística.
“É necesario facer unha aposta decidida desde o público para alargar os espazos de uso do galego, para reverter o seu retroceso en Vigo e para garantir o dereito irrenunciábel de todas as viguesas e os vigueses a poder vivirmos plenamente na nosa lingua propia”, demandou en vésperas do Día das Letras Galegas o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, que acusou ao Goberno local de ser “cómplice das políticas galegófobas” da Xunta do PP.
Igrexas censurou a escasa dedicación do Concello de Vigo nesta materia, con apenas 120 mil euros orzamentados para actividades da área de normalización lingüística, mentres adica 2,2 millóns de euros anuais a becas de inglés.
“É un disparate intolerábel”, valorou o edil nacionalista, que advertiu de que “non podemos seguir soportando decisións políticas que marxinan o idioma propio do noso País”
Como exemplo, lamentou a nula presenza da lingua galega na programación de concertos de verán ou na programación cultural. “É por iso que o BNG volvemos reclamar un Concello de Vigo comprometido co galego, que cumpra coa ordenanza municipal de normalización lingüística que estabelece xa desde os anos 80 o galego como lingua vehicular da administración municipal”, pediu Igrexas.
Iniciativas a prol da lingua
No marco da celebración do Día das Letras Galegas, a fronte nacionalista organizou este pasado venres un acto para poñer en valor iniciativas a prol da lingua galega. O evento, celebrado na libraría Cartabón baixo o título Vigo+Galego, contou coa participación de Sendi Alonso Costas (A Semente), Xoán Xosé Santos (Faladoiros) e César Freiría (Cé Orquestra Pantasma), representantes de entidades locais que traballan en diferentes eidos como o ensino e a cultura pola normalización lingüística.