O BNG de Vigo pide o apoio do Pleno á petición das familias para localizar o Villa de Pitanxo
A fronte nacionalista rexistra unha proposta de declaración institucional para sumar o máximo apoio do Concello de Vigo, o único municipio con vítimas mortais no naufraxio que non se pronunciou ante as demandas das afectadas.
Cualifica de “inxustificábel” que o alcalde non incluira na sesión plenaria de abril o texto proposto polas familias das vítimas, que manifestaron o seu malestar ante esta decisión.
Xabier P. Igrexas: “Merecen que se faga todo o posíbel para esclarecer o sucedido e tentar atopar os restos dos seus seres queridos”.
O Bloque Nacionalista Galego de Vigo vén de rexistrar unha declaración institucional para que o vindeiro Pleno, convocado para o mércores 25 de maio, apoie as peticións realizadas polas familias das vítimas do naufraxio do Villa de Pitanxo. A fronte nacionalista traslada así as demandas das afectadas que esixen ao Goberno español que inicie os traballos subacuáticos para encontrar o buque afundido e poder tomar imaxes que permitan esclarecer o sucedido e localizar os restos mortais dos desaparecidos.
“As vítimas do Villa de Pitanxo, entre as que se atopan varios vigueses, e as súas familias non merecen menos”, expresou o concelleiro do BNG na cidade, Xabier P. Igrexas, que lamentou que Vigo sexa o único municipio con vítimas mortais que non se pronunciou polo momento a nivel institucional despois de tres meses do fatídico naufraxio.
Neste sentido, Igrexas cualificou de “inxustificábel” que o alcalde de Vigo, Abel Caballero, non incluira na sesión plenaria de abril o texto proposto polas familias das vítimas. Unha falta de apoio por parte do Concello de Vigo que provocou malestar e incomprensión entre as afectadas, tal como lle trasladou a súa portavoz, María Jose de Pazo, ao edil nacionalista.
“Merecen que se faga todo o posíbel para esclarecer o sucedido e tentar atopar os restos dos seus seres queridos”, pide o concelleiro do BNG de Vigo.
“No BNG estamos certos e certas de que esta petición conta co apoio unánime de todas as viguesas e vigueses, que con solidariedade sincera entendemos e compartimos a súa dor inmensa”, engadiu.
Desde a fronte nacionalista confían en que este maioritario apoio social se traduza tamén nun acordo unánime de todas as forzas políticas con representación na Corporación municipal. “Temos que trasladar o máximo apoio institucional a esta petición das familias do Villa de Pintaxo porque é de xustiza, tanto para elas como para a cidade e para todas as xentes do mar”, chamou o edil do BNG.