O BNG inicia unha campaña informativa en Vigo contra o “engano” da reforma laboral de PSOE e Unidas Podemos
A fronte nacionalista traslada a súa ofensiva institucional ás rúas de Galiza para esixir a derrogación da reforma do PP, no caso de Vigo comeza cun reparto na planta de Stellantis.
Carmela González: “O autodenominado goberno máis progresista da historia quere vender esta reforma como unha derrogación cando mantén o 90% do texto do PP, incumprindo así os compromisos de investidura asinados co BNG e outras forzas”.
O Bloque Nacionalista Galego vén de iniciar unha campaña informativa en Vigo contra a reforma laboral de PSOE e Unidas Podemos que cualifican de “engano” por consolidar os aspectos máis lesivos da reforma do PP. A fronte nacionalista realizou este xoves un reparto na planta de Stellantis, un acto que fai parte dunha campaña nacional do Bloque que busca trasladar a ofensiva institucional ás rúas de Galiza para esixir a derrogación integral da reforma de 2012.
“O autodenominado goberno máis progresista da historia quere vender esta reforma como unha derrogación cando mantén o 90% do texto aprobado polo PP, incumprindo así os compromisos de investidura asinados co BNG e outras forzas”, denunciou a deputada nacionalista no Parlamento galego, Carmela González, ás portas da factoría viguesa.
González criticou a “propaganda” coa que o Goberno español quere presentar esta reforma que, en opinión das nacionalistas, deixa “intactos os aspectos máis lesivos” da reforma do PP, que supuxo un retroceso de dereitos e precarizou as condicións laborais. “Non podemos conformarnos coas migallas que nos devolve esta nova normativa, no BNG estamos onde sempre estivemos, a carón da clase traballadora, polo que seguiremos loitando para recuperar os dereitos perdidos”, asegurou a deputada do Bloque.
O BNG continuará nos próximos días coa campaña informativa en Vigo e no resto do País, após ter rexistrado este xoves no Congreso, da man do deputado Néstor Rego, un manifesto co resto de forzas soberanistas para esixir a derrogación integral da reforma e propondo 7 puntos para mellorar o texto como requisito para o voto favorábel. Nese sentido, desde a fronte nacionalista chamaron a participar nas distintas manifestacións convocadas pola CIG este domingo contra a nova reforma laboral. En Vigo sairá ás 12 horas desde a Dobrada.
As cousas claras sobre a
NON DERROGACIÓN
da reforma laboral
Preme sobre a imaxe inferior para máis información 👇