O BNG afea a “submisión” de Rueda con Ayuso por non defender o tren de alta velocidade entre Vigo e Portugal
A fronte nacionalista pon en valor o compromiso conseguido no acordo de investidura para facer realidade a conexión ferroviaria en 2030 fronte ao “silencio cómplice” do PP galego e vigués coas declaracións da presidenta madrileña
Néstor Rego: “O BNG levamos moitos anos reclamando ao Goberno español que faga a súa parte, que é avanzar na conexión ferroviaria entre Vigo e a fronteira portuguesa”
Xabier P. Igrexas: “As viguesas e vigueses saben que con Ana Pontón teremos unha presidenta sen dependencias de Madrid e comprometida con proxectos irrenunciábeis como a Saída Sur”
O Bloque Nacionalista Galego afea a “submisión” do presidente saínte da Xunta, Alfonso Rueda, coa súa homóloga en Madrid, Isabel Díaz Ayuso, por non defender a conexión ferroviaria de alta velocidade entre Galiza e Portugal. Así o criticaron este martes o portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, e o voceiro municipal en Vigo, Xabier P. Igrexas, quen reiteraron o compromiso da fronte nacionalista coa Saída Sur.
Rego e Igrexas lamentaron que ningún dirixente do PP galego e vigués desautorizaran e rexeitaran as recentes declaracións de Ayuso pedindo priorizar a liña entre Lisboa e Madrid. “Son un ataque frontal contra unha infraestrutura estratéxica e fundamental para a área de Vigo e para Galiza”, subliñaron, contrapoñendo este “silencio cómplice” do PP co compromiso conseguido polo BNG no acordo de investidura para facer realidade a Saída Sur no ano 2030.
“O Bloque levamos moitos anos reclamando ao Goberno español que faga a súa parte que é avanzar na conexión ferroviaria entre Vigo e a fronteira portuguesa, apenas 35 quilómetros”, lembrou Rego, quen destacou os avances do actual Goberno portugués coa liña do Eixo Atlántico, coa licitación do primeiro tramo entre Porto e Aveiro a pasada semana, para unir por tren de alta velocidade Galiza e Portugal, a fronteira europea con maior número de persoas circulando a diario.
“Nin o presidente saínte da Xunta, Alfonso Rueda, nin os seus recadeiros na cidade, a principiar pola presidenta do PP de Vigo, a señora Marta Fernández Tapias, dixeron nada para defender os intereses de Vigo e de Galiza”, cuestionou pola súa banda o portavoz municipal do BNG de Vigo. “A súa submisión é total á cacique madrileña do seu partido”.
Oportunidade histórica o 18-F
Igrexas salientou que este 18 de febreiro Vigo terá unha “oportunidade histórica” para rematar co “abandono” dos últimos 14 anos da Xunta. “As viguesas e vigueses tomaron moi boa nota desta nova traizón do PP a Vigo e a Galiza, e saben que nas vindeiras eleccións galegas podemos lograr un Goberno galego que sexa un grande aliado da nosa cidade”, avanzou.
O voceiro municipal defendeu que con “Ana Pontón teremos unha Presidenta coas mans libres e sen dependencias de Madrid, comprometida con facer realidade proxectos irrenunciábeis como é a Saída Sur”, remachou.