O BNG esixe que o alcalde rectifique o “veto sectario” na designación de Vigueses/as Distinguidas
A fronte nacionalista formula un voto particular para que “sexa o Pleno e non Abel Caballero” quen decida as distincións da cidade, após a exclusión “inxustificada” das tres propostas do Bloque: o colectivo ‘Os Ninguéns’, Carlota Pérez e Antonio Collazo
Denuncia tamén o veto á presenza da Federación de Asociacións Veciñais de Vigo Eduardo Chao (Favec) no acto de entrega previsto para este xoves
Xabier P. Igrexas: "Os galardóns da cidade non poden ser a medalla do 'aquí mando yo', teñen que representar a pluralidade e a diversidade de Vigo”
O Bloque Nacionalista Galego esixe que o alcalde de Vigo, Abel Caballero, rectifique o “veto sectario” contra as propostas nacionalistas para designar como Vigueses e Viguesas Distinguidas este 2023 ao Foro Socioeducativo ‘Os Ninguéns’ e a título póstumo a Carlota Pérez e Antonio Collazo, esta última recollendo a proposta formulada pola AV de Teis e UGT-Pensionistas.
A fronte nacionalista vén de rexistrar un voto particular para que “sexa o Pleno e non o alcalde” quen decida as distincións da cidade após estas exclusións “inxustificadas”. O concelleiro e candidato do BNG á Alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, defendeu que existen “motivos máis que sobrados” para recoñecer o traballo en favor da xustiza social do colectivo ‘Os Ninguéns’, a traxectoria entregada de Carlota Pérez ante o problema da vivenda e a contribución por décadas de Antonio Collazo no movemento veciñal en Teis.
“O único motivo para non recoñecelos por parte do alcalde é que foron propostos polo BNG”, cuestionou o concelleiro nacionalista
Igrexas asegurou que o voto particular do BNG -que terá que ser sometido a votación no Pleno extraordinario convocado este martes- é unha “oportunidade” para que Caballero “rectifique e corrixa a súa intención de volver impoñer o máis absoluto sectarismo excluínte” no outorgamento destas distincións. "Os galardóns da cidade non poden ser a medalla do 'aquí mando yo', teñen que representar a pluralidade e a diversidade de Vigo”, reclamou o edil nacionalista.
O candidato do BNG pediu nese sentido retornar aos “mecanismos de consenso” que até hai poucos anos permitían recoller as propostas de cada forza política con representación no Pleno. “Para atinxirmos unhas distincións que sexan unánimes e conten co apoio de toda a Corporación”, subliñou, lembrando que “o Concello non é a finca particular de Abel Caballero”.
Dende a fronte nacionalista denunciaron tamén o “intolerábel veto” á presenza da Federación de Asociacións Veciñais de Vigo Eduardo Chao (Favec) no acto de entrega dos Vigueses e Viguesas Distinguidas, previsto para este xoves. “A Favec non só é unha entidade que foi declarada Viguesa Distinguida, a proposta do BNG, tamén fai parte do máximo organismo consultivo e de participación do Concello como é o Consello Social da Cidade”, salientou.