O BNG anuncia unha ofensiva social e institucional contra o "pelotazo" da cidade deportiva do Celta en Mos

A fronte nacionalista formulou unha alegación pedindo a desestimación da modificación do PXOM de Mos.

Promoverán iniciativas no Parlamento de Galiza e nos concellos e realizarán unha campaña social de denuncia. 

O BNG anuncia unha ofensiva social e institucional contra o "pelotazo" da cidade deportiva do Celta en Mos

O BNG presentou a nivel comarcal a alegación presentada contra o proxecto dun macrocentro comercial dentro da nova cidade deportiva do Celta en Mos. A fronte nacionalista realizou unha xuntanza de traballo na que participaron os portavoces municipais de Vigo, Xabier P. Igrexas, de Mos, Gustavo Barcia, de Gondomar, Manuela R. Pumar, o responsábel local do Bloque de Redondela, Anxo Lusquiños, o respobsábel comarcal, Manuel Caride, e mais o deputado no Parlamento galego, Luís Bará, para poñeren en común o deseño dunha ofensiva social e institucional para denunciar o que cualificaron de "verdadeiro pelotazo ao servizo de intereses escuros".

O concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, expresou a súa "firme oposición" ao proxecto sinalando que nesta cuestión coinciden coa posición de rexeitamento expresada polo Goberno municipal vigués. No entanto, Igrexas volveu reclamar ao PSOE vigués coherencia nas súas posicións. "Tan ameaza para o pequeno comrcio de Vigo é este macrocentro comercial como proxetos como Porto Cabral", afirmou. Neste sentido, o edil denunciou que o goberno de Abel Caballero ten sido "patrocinador" de novas grandes áreas comerciais na cidade como Recaré, Cruceiro ou Vialia, ou de querer converter o parque tecnolóxico e loxísitico nun polígono comercial para instalar estabelecementos como Ikea. "Nós seguimos dicindo que o futuro de Vigo ten que pasar por unha cidade industrial e produtiva, non por máis centros comerciais", remachou.

Igrexas enfatizou a necesidade de protexer o pequeno mediano comercio que "dinamiza e vertebra os nosos concellos" fronte a grandes áreas que "desertizan o tecido do comercio local e destrúen emprego", e apuntou que hai estudos que cifran en até 3.500 o número de postos de traballo que poderían destruírse nos municipios próximos a Mos por causa do novo macrocentro.

Pola súa banda, Luís Bará asegurou que formación nacionalista usará "todos os medios ao noso alcance" para tentar impedir que o proxecto se chegue a materializar. "Estamos diante dunha batalla dura e longa, pero estamos convencidos de que imos gañar porque é de xustiza", apuntou.

 

Bará denunciou a responsabilidade do Partido Popular neste "atentado aberrante" e advertiu que a modificación do PXOM de Mos supón unha clara vulneración dos principios de ordenación do territorio e da loita contra os efectos do cambio climático.

Dentro da campaña de oposición que porán en marcha nos próximos días, Bará explicou que a mesma incluirá iniciativas institucionais tanto no Parlamento galego como nos concellos afectados, así como a realización de denuncia pública e información denunciando os graves efectos que o macrocentro comercial proxectado terá no pequeno e mediano comercio de Mos e dos concellos próximos. Aliás, o deputado nacionalista anunciou que volverán demandar unha moratoria na concesión de licenzas e autorizacións para novas grandes áreas.

Alegación

Despois de que se presentaran publicamente 5 mil alegacións contra a modificación do PXOM de Mos, o BNG deu a coñecer tamén o seu escrito presentado contra o que definiron como "barbaridade urbanística".

O portavoz municipal nacionalista en Mos, Gustavo Barcia, destacou que o que pretende o goberno local do Partido Popular é modificar a cualificación urbanística dun solo rústico de especial protección para aumentar a súa edificabilidade un 200 por cento, o que deixa as claras, segundo explicou, que se trata dun "pelotazo de manual".

"A cidade deportiva do Celta é a escusa para construír un macrocentro comercial de 210 mil metros cadrados que destruirá emprego, provocará o peche do comercio local e terá graves efectos ambientais", resumiu Barcia.
O BNG anuncia unha ofensiva social e institucional contra o "pelotazo" da cidade deportiva do Celta en Mos