O BNG aposta en Roberto Fernández para “abrir un tempo novo” en Bembrive sen corrupción e freando a ameaza dos viais
A fronte nacionalista presenta a súa candidatura co compromiso de rematar co “desgoberno” dos últimos anos e devolver a Entidade Local Menor á veciñanza de Bembrive
Roberto Fernández: “O proxecto en positivo e participativo do BNG é a mellor oportunidade para poñer fin ás prácticas caciquís que arruinaron e abandonaron a nosa parroquia”
Xabier P. Igrexas: “Con Roberto Fernández imos construír un Bembrive do que nos sentir orgullosos e orgullosas, e o BNG garantiremos que o Concello de Vigo atenda como merece esta importante parroquia”
O Bloque Nacionalista Galego vén de presentar este sábado a súa candidatura á Entidade Local Menor de Bembrive, que estará encabezada por Roberto Fernández. A fronte nacionalista aposta por abrir un tempo poñendo fin á xestión “caciquil e corrupta” dos últimos anos e co compromiso de frear os proxectos de viais que ameazan con tronzar a parroquia viguesa.
“A Entidade Local Menor de Bembrive leva demasiados anos nunha situación de desgoberno total que acabou por arruinar a parroquia e que desatendou as necesidades das veciñas e dos veciños”, asegurou o aspirante á Alcaldía pedánea, acompañado da candidata suplente, Beni Expósito, e do cabeza de lista do BNG á Alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas.
Fernández defendeu que o proxecto en positivo e participativo do BNG para Bembrive é a “mellor oportunidade” para abrir unha nova etapa que remate co “malgasto e os tratos de favor”. Apostou nese sentido por sanear economicamente a Entidade Local para garantir a súa continuidade e prestar así os servizos que precisa a parroquia.
Outro dos compromisos do BNG para Bembrive é frear desde a Entidade Local os “innecesarios” viais –o PO-010 e a nova autovía A-55– previstos no novo PXOM. Fernández demandou a retirada destes proxectos que supoñen un “grave impacto ambiental” e ameazan con tronzara parroquia. “O Bloque seremos a garantía de que a Entidade Local exerza con firmeza a defensa dos intereses da parroquia fronte a estas agresións”, subliñou.
Defendeu ademais como “irrenunciábel” a posta en valor e a protección dos montes de Bembrive, cun desenvolvemento “sustentábel” dos seus recursos como presente e futuro da parroquia. Garantiu que o BNG seguirá reclamando da Xunta de Galiza a reposición urxente do servizo de pediatría e máis persoal no centro de saúde; un apoio decidido ao importante tecido asociativo da parroquia e fomentar a economía circular en favor do tecido comercial.
“Bembrive tamén é cidade”
Na mesma liña, o cabeza de lista do BNG á Alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas,chamou a intensificar a cooperación do Concello de Vigo coa Entidade Local, para mellorar e alargar os servizos da parroquia, así como a garantir que o Concello exerza as súas competencias porque, asegurou, “Bembrive tamén é cidade”.
“Con Roberto Fernández na alcaldía pedánea imos construír un Bembrive do que nos sentir orgullosos e orgullosas”, destacou o candidato nacionalista á alcaldía de Vigo, que puxo en valor o proxecto “construtivo e con rigor” do Bloque para a parroquia viguesa.