O BNG de Vigo esixe responsabilidades políticas do alcalde pola ilegalidade do parque de bombeiros de Coruxo
A fronte nacionalista advirte que a resolución da APLU, que ordena o peche deste parque provisional, compromete e limita a capacidade de resposta en situacións de emerxencias
Xabier P. Igrexas: “Estamos diante do risco real de que a xestión caprichosa, irresponsábel e ilegal do Goberno municipal deixe Vigo só co parque de Teis”
O Bloque Nacionalista Galego esixe responsabilidades políticas e explicacións do alcalde de Vigo, Abel Caballero, pola ilegalidade do parque de bombeiros de Coruxo. A fronte nacionalista advirte que a “demoledora” resolución da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) compromete a xa limitada capacidade de resposta do corpo de bombeiros en casos de emerxencia.
“Estamos diante do risco real de que a xestión caprichosa, irresponsábel e ilegal do Goberno municipal deixe Vigo con apenas un parque de bombeiros, en Teis, provocando unha situación de evidente inseguridade”, denunciou o concelleiro e candidato do BNG á Alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas.
O edil nacionalista subliñou que o ditame da APLU, do pasado 13 de marzo, impón unha sanción de 28 mil euros ao Concello e obriga ao cese inmediato da actividade do parque de bombeiros nas dependencias da antiga depuradora de Coruxo.
Nese sentido, criticou este “novo golpe” contra o servizo de bombeiros, que xa non conta na actualidade cos medios necesarios para garantir a seguranza na cidade
“E con esta decisión deixan gravemente comprometida a súa capacidade operativa poñendo en risco unha parte moi importante do termo municipal de Vigo”, alertou o concelleiro do BNG. Así, Igrexas reprochou que o rexedor volva vulnerar a normativa urbanística e ambiental por impoñer a “súa particular lei do aquí mando yo”, polo que reclamou que “dea a cara” como máximo responsábel do Goberno municipal.