O BNG esixe transparencia sobre os cambios incluídos no novo PXOM de Vigo cara á súa aprobación definitiva

Xabier P. Igrexas, portavoz municipal do BNG de Vigo
Xabier P. Igrexas, portavoz municipal do BNG de Vigo

A fronte nacionalista expresa a súa preocupación despois de que o Goberno municipal recoñecera, na comparecencia da equipa redactora da pasada semana, que o documento urbanístico sufriu modificacións dende a aprobación provisional

Xabier P. Igrexas: “Este debate final do Plan Xeral precisa de algo que o absolutismo de Abel Caballero negou á veciñanza: participación, diálogo e transparencia”

O BNG esixe transparencia sobre os cambios incluídos no novo PXOM de Vigo cara á súa aprobación definitiva

 O Bloque Nacionalista Galego esixe transparencia sobre os cambios introducidos no novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Vigo de cara á súa aprobación definitiva. Así o demandou este luns o portavoz municipal, Xabier P. Igrexas, despois de que o Goberno de Abel Caballero recoñecera durante a comparecencia da equipa redactora do Plan Xeral que o documento sufriu modificacións máis alá das correccións requiridas por diferentes informes sectoriais.

"Preguntámonos que novas sorpresas imos atoparnos desta vez", cuestionou Igrexas, lembrando os cambios “que se colaron pola porta de atrás” entre a aprobación inicial e provisional do PXOM, como a legalización do pelotazo urbanístico en Cabo Estai ou cambio de zona verde a solo dotacional de 25 mil metros cadrados de carballeira de Casaliños en Navia para instalar o Vigo Arena.

Dende o Bloque constataron ademais nesa comparecencia da equipa redactora “a nula vontade” do Goberno local de rectificar a falla de participación que marcou a tramitación do novo Plan Xeral. “Caballero insiste en impoñer un PXOM elaborado na escuridade dos despachos, que defende un modelo de cidade gris, que castiga as parroquias rurais, que renuncia a despregar un modelo de mobilidade alternativa e que non vai resolver o grave problema de acceso social á vivenda”, lamentou o voceiro nacionalista.

Máis especulación, nova A-52 e PO-010

En relación á vivenda, Igrexas acusou o alcalde de “volver poñer a alfombra vermella á especulación” coa construción de novos inmóbeis, anunciando 51 mil co novo Plan Xeral, mentres desiste de mobilizar as máis de 22 mil vivendas baleiras que existen xa na cidade, segundo reflicte o censo oficial do INE. “A aposta de Caballero non busca facilitar o acceso á vivenda malia termos na cidade miles de casas sen xente e miles de familias sen poder habitar unha vivenda”, alertou.

O portavoz municipal do BNG criticou tamén que o rexedor “teime en desoír o clamor veciñal” en contra da nova A-52 e do vial PO-010, mantendo os seus trazados de cara á aprobación definitiva do PXOM malia os graves impactos ambientais e sociais que van tronzar parroquias rurais como Bembrive e Beade.

Dende a fronte nacionalista chamaron por estes motivos a que o debate de aprobación definitiva do novo Plan Xeral, que pretende definir o modelo de cidade para os vindeiros 25 anos, conte con participación, diálogo e transparencia. “Todo o que o absolutismo de Caballero negou á veciñanza durante a tramitación do documento”, demandou Igrexas.

A ese respecto, reiterou a demanda do BNG de que se convoque o Consello Sectorial de Urbanismo “para que todos os axentes urbanísticos pero tamén os principais movementos sociais e organizacións sindicais poidan tomar a palabra”. E de cara a coñecer os cambios incluídos, o Bloque insistiu tamén na necesidade de actualizar o visor web.

“As viguesas e vigueses merecen coñecer de primeira man como vai ser o novo PXOM”, defendeu o portavoz municipal do Bloque. “Vigo só terá un Plan Xeral sólido e de futuro se é de toda a cidade e para toda a cidade, definido con consenso e amplitude de miras, e non aprobado mecanicamente polo rodete dunha maioría absoluta xorda”, remachou.

O BNG esixe transparencia sobre os cambios incluídos no novo PXOM de Vigo cara á súa aprobación definitiva