O BNG reclama actuar dunha vez diante dos prezos disparados da vivenda en Vigo

A fronte nacionalista critica que o Goberno municipal “non teña movido un só dedo” durante o último ano para executar os acordos propostos polo Bloque, e aprobados no Pleno, como a declaración da cidade como zona tensionada ou a limitación dos pisos turísticos

Xabier P. Igrexas: “Continuar nesta política de brazos caídos converte o Goberno local en parte do problema, cando as viguesas e vigueses merecen un Concello parte da solución”

O BNG reclama actuar dunha vez diante dos prezos disparados da vivenda en Vigo

O Bloque Nacionalista Galego reclama actuar dunha vez en Vigo diante dos prezos disparados da vivenda. A fronte nacionalista critica a inacción do Goberno local malia a continuada suba dos alugueiros, en particular por “non ter movido un só dedo” durante o último ano para executar as medidas aprobadas no Pleno, a proposta do Bloque, como a declaración da cidade como zona tensionada ou a limitación dos pisos turísticos, entre outros.

“A pesar da propaganda e dos anuncios, o desleixo do Goberno local é tan grave que non foron capaces de executar nin un só dos acordos aprobados en marzo do pasado ano para frear o aumento dos prezos do alugueiro e facilitar o acceso social á vivenda”, lamentou o portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, acusando tamén á Xunta de Galiza pola súa “nula política” en materia de vivenda.

Igrexas advertiu do aumento do 6,77% nos prezos dos alugueiros durante os últimos 12 meses. Unha escalada que supera o 30% no último lustro, segundo datos do Instituto Galego de Vivenda e Solo. “Prezos imposíbeis que se engaden a unha oferta cada vez máis reducida polo continuado aumento dos pisos turísticos, que xa son cinco veces máis que o número de vivendas dispoñíbeis para alugueiro residencial”, alertou.

Fronte a esta situación de “emerxencia habitacional”, dende o BNG volveron urxir a Caballero para que actúe xa. “Continuar nesta política de brazos caídos converte o Goberno local en parte do problema, cando as viguesas e vigueses  merecen un Concello que sexa parte da solución”, demandou Igrexas ante un dos máis graves e importantes problemas en Vigo, especialmente para as familias de menores recursos e a mocidade.

Por estes motivos, o portavoz municipal nacionalista considerou “impresentábel” que o Goberno de Caballero non teña avanzado en medidas como declaración da cidade como zona tensionada, que permitiría despregar accións para frear a suba dos alugueiros. “A tomadura de pelo é tanta que levamos moitos meses a agardar por un presunto estudo sobre a situación da vivenda, do que nada se sabe, cando xa existen datos oficiais clamorosos”, afeou.

No mesmo sentido, Igrexas censurou que o Concello estea dando “barra libre” aos pisos turísticos, que non paran de aumentar na cidade a costa de retirar vivendas do mercado de alugueiro residencial. “Nin se inspeccionan para comprobar que cumpren coas condicións urbanísticas, de habitabilidade e seguridade; nin tampouco se cotexa que dispoñan de título habilitante para poder operar”, alertou, criticando a falla de avances para contar cunha ordenanza municipal que limite este fenómeno ultraespeculativo.

Outras das cuestións pendientes por parte do Goberno local son a posta en marcha dun Plan municipal Facilitador do Alugueiro, a constitución dunha Axencia Local de Vivenda Protexida e Social ou acordos coa Sareb para destinar a uso social as vivendas que posúe na cidade procedentes de bancos rescatados con fondos públicos. Igrexas lamentou tamén que o Concello “siga a facer caixa” co 10% de aproveitamentos urbanísticos que lle corresponde de cada promoción privada ou a falla de interese por mobilizar as 22 mil vivendas baleiras que hai en Vigo.

O BNG reclama actuar dunha vez diante dos prezos disparados da vivenda en Vigo