O BNG de Vigo rexeita as escusas do Goberno municipal para non reabrir Vigosónico
A fronte nacionalista reitera no Pleno a demanda para se retome a actividade neste espazo xuvenil, a única instalación municipal que segue pechada, segundo o PSOE, por falla de garantías sanitarias.
Xabier P. Igrexas: “A política xuvenil do goberno de Abel Caballero resúmese nunha palabra: desmantelamento”.
O Bloque Nacionalista Galego vén de de rexeitar os argumentos defendidos polo Goberno municipal para non reabrir Vigosónico. A fronte nacionalista cualifica de escusas as respostas ofrecidas polo grupo socialista, durante o Pleno municipal celebrado este mércores, para xustificar que este espazo xuvenil continúe pechado 670 días despois.
O concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, reiterou a demanda para que se retome a actividade en Vigosónico, unha petición que as nacionalistas xa realizaran no propio Pleno cunha moción en decembro de 2020 á que o goberno de Abel Caballero contestara que a reapertura era cuestión de semanas. Porén, pasado máis dun ano, o servizo segue clausurado, sendo a única instalación que non recuperou a normalidade tralo confinamento.
Nesta ocasión, o grupo socialista argumentou que as instalacións actuais de Vigosónico non cumpren con todas as garantías sanitarias, no relativo á ventilación dos espazos e porque a mocidade, a quen vai dirixido o servizo, aínda está nestes momentos en proceso de vacinación para a terceira dose. Argumentos que, en opinión das nacionalistas, non se sosteñen, pois esas mesmas restricións non se aplican en salas de ensaio privadas.
Igrexas asegurou que a razón de fondo parte dunha decisión política, a de non formalizar o contrato que xa estaba adxudicado para xestionar o servizo, que imposibilita agora a reapertura inmediata de Vigosónico, que naceu en 2011 por impulso do BNG desde as áreas de Xuventude do Concello de Vigo e da Xunta. O edil nacionalista recordou que este peche vén a sumarse a unha longa lista de medidas do actual goberno contra a mocidade viguesa.
“A política xuvenil do goberno de Abel Caballero resúmese nunha palabra: desmantelamento”, salientou o concelleiro do BNG durante a sesión plenaria, e engadiu que en Vigo “pasamos de ser vangarda en Galiza, no Estado e en boa parte de Europa en materia de política xuvenís a colocarnos na cola”.
Como exemplos, destacou a desaparición en 2014 de iniciativas como Súbete ao Castro, e canda el actividades como os Castroconcertos ou a Liga de Improvisación Teatral, o peche en 2017 do Punto Xove e pouco despois co baleirado da Casa da Xuventude, que hoxe fica case sen servizos.