MUNICIPAIS 2023

O BNG de Vigo promoverá máis participación veciñal para acabar co abandono dos barrios

Encontro co movemento veciñal de Vigo
Encontro co movemento veciñal de Vigo

A fronte nacionalista impulsará a creación de Consellos Veciñais de Barrio e Parroquia, a posta en marcha de orzamentos participativos e un maior apoio ao movemento veciñal respectando a súa independencia e pluralidade

Xabier P. Igrexas: “Un BNG determinante seremos a garantía de que deixe de haber vigueses e viguesas de segunda para o Concello, asegurando que se atenden as necesidades da veciñanza en todo o territorio da cidade”

O BNG de Vigo promoverá máis participación veciñal para acabar co abandono dos barrios

O Bloque Nacionalista Galego promoverá “máis participación e codecisión veciñal” co obxectivo de poñer fin ao abandono dos barrios e parroquias da cidade. Así llo trasladou o candidato do BNG á Alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, a representantes do movemento veciñal nun encontro realizado esta tarde en Coia.

Igrexas afirmou que “un BNG determinante seremos a garantía de que deixe de haber vigueses e viguesas de segunda para o Concello, asegurando que se atenden as necesidades da veciñanza en todo o territorio da cidade”. O candidato nacionalista criticou con dureza a decisión do actual Goberno municipal de “concentrar o groso do investimento municipal en grandes actuacións no centro, mentres os barrios e as parroquias están completamente abandonadas”.

“É indefendíbel que mentres se van gastar 15 millóns de euros nun ascensor de StarTrek [en alusión ao HALO] haxa inda moitos camiños sen beirarrúas, moitas zonas da cidade case sen servizos municipais, ou que se tarde case 4 anos en reparar un muro no Freixeiro e que a inmensa maioría dos anuncios acaben en promesas incumpridas”, cuestionou, lembrando que neste mandato o Goberno municipal deixou sen executar 436 millóns de euros do orzamento do Concello. “Cantas necesidades dos barrios e parroquias se podían ter atendido mobilizando eses recursos?”, interpelou.


Máis participación e codecisión

Co obxectivo de “impedir que ningún Goberno poida volver someter ao abandono o conxunto da cidade”, Igrexas defendeu a necesidade dunha maior participación e codecisión veciñal. Neste sentido, trasladou as principais propostas da fronte nacionalista, entre as que salientou a necesidade dun novo Regulamento de Participación Cidadá, que “blinde o dereito da veciñanza a ser escoitada”.

A creación dos Consellos Veciñais de Barrios e Parroquias, como instrumento para a descentralización administrativa do Concello e como espazo para a participación directa do tecido asociativo e da veciñanza na toma de decisións, é outra das medidas que o BNG impulsará nos próximos 4 anos.

“Queremos que sexan os propios barrios e parroquias quen decidan as actuacións do Concello nos seus ámbitos poñendo fin a política caprichosa do ‘aquí mando yo’ e a xordeira autoritaria destes anos”, explicou

Estes Consellos terían como función, entre outros, a definición dos investimentos dentro dun modelo de orzamentos participativos que impida que haxa zonas da cidade onde hai “moitos, demasiados anos, que o Concello non inviste nada”.

Apoio ao movemento veciñal

Igrexas valorou a “enorme achega” que fai o movemento veciñal na cidade. “Sodes o Concello alí onde o Concello non chega ou non quere chegar”, resumiu. Emporiso, trasladoulles a vontade do BNG de brindar un maior apoio desde o Concello ao tecido asociativo veciñal, respectando a súa total independencia e pluralidade, fronte ao “brutal caciqueo que a golpe de extorsións e chantaxes políticas tentou amordazar a aquelas entidades que se atreven a reivindicar melloras para os seus barrios”.

“Se algo aprendín nos máis de 12 anos que participei activamente do asociacionismo veciñal foi a escoitar e, sobre todo, a escoitar a quen pensa diferente. Aprendín que a cidade faise desde abaixo, a pé de rúa, desde os barrios, entre todas e todos. Esas leccións son fundamentais para abrir o tempo novo que merece Vigo”, remachou o candidato nacionalista expresando o seu orgullo por ter sido parte do movemento veciñal.

O BNG de Vigo promoverá máis participación veciñal para acabar co abandono dos barrios