O BNG chama a actuar contra os preocupantes problemas de ruídos en Vigo
A fronte nacionalista pide medidas para paliar esta situación que afecta con especial intensidade en Teis, polo tramo urbano da AP-9, e en Navia e Coia, a causa da VG-20
Xabier P. Igrexas: “Os datos do mapa estratéxico de ruídos amosan a necesidade dun cambio no modelo de mobilidade na nosa cidade para facela máis habitábel”
O Bloque Nacionalista Galego pide actuar contra os “preocupantes” problemas de ruídos en Vigo. Os datos do mapa estratéxico de ruído da cidade veñen de revelar que o 30% das viguesas e dos vigueses soportan ao longo de cada día un estrés acústico prexudicial para a súa saúde, unha situación que para a fronte nacionalista require de respostas concretas do Goberno local, en especial en barrios como Teis, Navia e Coia.
“O problema do ruído esixe actuacións e solucións, non só medicións”, salientou o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, que pediu a posta en marcha dun plan para paliar este problema que “fai moito menos habitábel a nosa cidade, compromete o dereito ao descanso dun número importante de veciñas e de veciños e altera a convivencia”.
Igrexas asegurou que estes datos sitúan esta cuestión como unha “asignatura pendente” en Vigo, co tráfico como causa principal, e evidencian a necesidade dun novo modelo de mobilidade.
“É momento de apostarmos de verdade por outra mobilidade que faga gañar espazos para uso peonil”, demandou o edil nacionalista.
Neste sentido, o concelleiro do BNG sinalou que “non chega con facer as beirarrúas máis anchas” e chamou a redeseñar o modelo de transporte colectivo para que sexa “unha verdadeira alternativa” que permita rebaixar o número de vehículos que circulan na cidade.
Solucións urxentes en Teis, Navia e Coia
Desde a fronte nacionalista pediron actuar con urxencia nos barrios de Teis, Navia e Coia como ámbitos máis afectados polo problema de ruídos. No caso de Teis, o edil do Bloque reiterou a demanda de instalar de forma inmediata as pantallas acústicas no tramo urbano da AP-9, que o Goberno español segue a demorar malia as numerosas queixas veciñais durante os últimos anos. Situación similar no caso de Navia e Coia, afectadas polo trazado da VG-20, que o edil do Bloque pediu soterrar para poñer fin ao ruído “insoportábel”.