O BNG de Vigo cualifica de “fake” o goberno de Caballero por deixar sen gastar 120 millóns dos orzamentos
A fronte nacionalista denuncia no Pleno a baixa execución do Goberno municipal das contas do ano pasado nun contexto de grave emerxencia social, laboral e produtiva.
Xabier P. Igrexas: “Non é aforro, é seguir a desatender as necesidades reais da veciñanza e cronificar o abandono dos nosos barrios e parroquias”
O Bloque Nacionalista Galego critica a incapacidade do goberno de Abel Caballero por deixar sen gastar 120 millóns de euros dos presupostos de Vigo para o ano 2021. A fronte nacionalista volve denunciar a baixa execución orzamentaria do Goberno local do PSOE, a quen cualificou de “Goberno fake” por anunciar e prometer investimentos que non realiza nun grave contexto de emerxencia social, laboral e produtiva na cidade.
“A conta xeral do ano 2021 é un retrato incontestábel do seu Goberno fake, que malia ter unha maioría absolutísima é reiteradamente incapaz de executar o seu propio orzamento”, afeou o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, durante a sesión do Pleno municipal celebrada este mércores.
Igrexas apuntou que esta baixa execución do orzamento non se pode considerar como aforro, como defende o Goberno municipal.
Por contra, o edil nacionalista sinalou que é unha evidencia de como se seguen a “desatender as necesidades reais das viguesas e dos vigueses” e “cronificar o abandono dos nosos barrios e parroquias”.
Entre as partidas con baixa execución, o concelleiro do Bloque destacou o capítulo de investimentos en obras, dos que só se levaron a cabo ou comprometeron o 36% dos previstos nas contas municipais. Lamentou tamén que o Goberno local deixara sen gastar 365 mil euros de axudas sociais o pasado exercicio e que non se despregara unha soa política en favor do emprego.
Negativa a debater
“Con estas cifras entendemos mellor a covardía política do alcalde, que se negou a celebrar o Debate do Estado da Cidade que lle propuxemos desde o BNG”, recriminou Igrexas. “Néganse a debater a fondo porque saben que o seu Matrix municipal, alimentado por millares de euros públicos en propaganda, só se pode soster no monólogo”, engadiu.
Neste sentido, o edil nacionalista criticou ao goberno de Caballero por privar ás viguesas e vigueses de “poder contrastar a fondo a realidade do seu desgoberno” así como impedir coa súa negativa ao debate que a veciñanza da cidade “teña un maior acceso ás alternativas políticas reais fronte as súas políticas aparenciais”.