O BNG denuncia o colapso da sanidade pública en Vigo este verán: “A Xunta do PP xoga coa nosa saúde”
A fronte nacionalista alerta de demoras de até 19 días nos centros de saúde, de recortes na atención pediátrica polas tardes e de saturación no PAC e nas Urxencias hospitalarias
Xabier P. Igrexas: “Para o PP as viguesas e os vigueses non temos dereito a enfermar en verán nin as persoas con doenzas crónicas merecen un seguimento en condicións”
O Bloque Nacionalista Galego denuncia a situación de colapso na sanidade pública de Vigo durante este verán. A fronte nacionalista alerta de demoras de até 19 días nos centros de saúde, de recortes na atención pediátrica polas tardes e de saturación no Punto de Atención Continuada (PAC) e nas Urxencias hospitalarias por causa da “nefasta” política sanitaria da Xunta do PP.
Así o vén de denunciar este xoves o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, quen acusou ao Goberno de Alfonso Rueda de “xogar coa saúde das viguesas e vigueses” un verán máis ao non dotar do persoal necesario a rede sanitaria pública da cidade. “Parece que para o PP non temos dereito a enfermar en verán nin as persoas con doenzas crónicas merecen un seguimento en condicións”, criticou.
Igrexas advertiu de que a falla de persoal nos centros de saúde está provocando demoras de até 19 días para unha cita de medicina de familia nalgúns ambulatorios. E no caso da atención pediátrica con graves recortes durante as tardes, con só 3 dos 17 centros de saúde de Vigo ofrecendo citas, e con esperas de mínimo unha semana polas mañás.
Unha sobrecarga da Atención Primaria que, lamentou o portavoz municipal do Bloque, volve un verán máis a provocar a saturación do PAC de Pizarro e das Urxencias hospitalarias, como se demostrou o pasado luns con máis de 600 pacientes atendidos no Hospital Álvaro Cunqueiro.
Por estes motivos, dende a fronte nacionalista reiteraron a reclamación á Xunta de Galiza para que dote do persoal necesario todos os centros de saúde da cidade “garantindo a atención sanitaria que precisamos e merecemos” e, polo tanto, cesando na política de recortes e privatizacións en contra da sanidade pública.