O BNG pregunta a Caballero cando ten pensado actuar para frear os “prezos imposíbeis” dos alugueiros en Vigo
A fronte nacionalista reclama facer público o informe sobre os prezos da vivenda anunciado hai 3 meses polo alcalde como xustificación para a falla de medidas
Pide avanzar nos acordos recollidos na moción do Bloque, aprobada polo Pleno en marzo, entre os que se recollía a declaración de Vigo como zona tensionada
Xabier P. Igrexas: “O Concello de Vigo non pode seguir ollando para outro lado mentres a especulación impide acceder a unha vivienda a moitas familias traballadoras e mocidade”
O Bloque Nacionalista Galego pregunta o alcalde de Vigo, Abel Caballero, cando ten pensado actuar para frear os “prezos imposíbeis” dos alugueiros na cidade. A fronte nacionalista acusa o Goberno municipal de continuar nunha “política de brazos caídos” mentres os prezos da vivenda continúan en aumento marcando este pasado mes de xullo un novo récord histórico, cun prezo medio de 632 euros mensuais e un incremento acumulado do 30% no último lustro.
O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, afeou tanto a inacción do Concello como tamén da Xunta de Galiza fronte a un dos principais problemas sociais na cidade. Unha situación “insostíbel”, asegurou, que se ve agravada polo “brutal avance do fenómeno ultraespeculativo” dos pisos turísticos, que xa superan os dous millares de vivendas fronte ás menos de 400 dispoñíbeis para alugueiro residencial.
Por estes motivos, Igrexas reiterou a necesidade de poñer en marcha medidas concretas para facilitar o acceso á vivenda, como as recollidas na moción nacionalista aprobada polo Pleno municipal o pasado mes de marzo. Entre elas, a tramitación para declarar Vigo como zona tensionada, o que permitiría intervir sobre os prezos e, como mínimo, frear a continuada suba dos alugueiros na cidade.
Tres meses sen noticias
O portavoz municipal do Bloque reclamou nese sentido que o Goberno local faga público o informe sobre os prezos da vivenda anunciado hai 3 meses polo alcalde —malia existir datos oficiais do Instituto Galego de Vivenda e Solo que acreditan a gravidade da situación— e que foi utilizado como xustificación para a falla de medidas nesta materia.
“Tres meses despois dese anuncio nada sabemos”, afeou Igrexas, quen pediu que se informe tanto do contido do informe como das conclusións do mesmo, na liña do demandado de forma reiterada polo propio BNG na Xerencia Municipal de Urbanismo. “O Concello de Vigo non pode seguir ollando para outro lado mentres a especulación segue a impedir a moitas familias traballadoras e a nosa mocidade poder acceder a unha vivienda de alugueiro na cidade”, remachou.