O BNG compromete facer do combate da carestía da vida un eixo prioritario dun Goberno de Ana Pontón
A fronte nacionalista defende unha enérxica resposta pública diante dos “brutais” efectos da crise da inflación fronte a un PP que só estendeu a precariedade e o empobrecemento
Carmela González: “A partir do 18F podemos abrir un tempo novo de prosperidade con xustiza social no que ninguén quede atrás, coas persoas no centro das políticas da Xunta”
Xabier P. Igrexas: “Unha Xunta presidida por Ana Pontón non vai deixar a ninguén tirado na cuneta, facendo das necesidades da xente a verdadeira prioridade e combatendo o empobrecemento da maioría social”
O Bloque Nacionalista Galego compromete facer do combate da carestía da vida un eixo prioritario dun Goberno galego liderado por Ana Pontón a partir das eleccións do 18 de febreiro. Así o asegurou a candidata viguesa do BNG Carmela González quen defendeu a necesidade dunha enérxica resposta pública diante dos “brutais” efectos da crise da inflación fronte a un PP que só estendeu coas súas políticas a precariedade e o empobrecemento.
“O BNG temos as propostas, a capacidade e sobre todo a firme vontade de despregar medidas concretas que garantan condicións de vida digna a todas as galegas e galegos”, destacou González, lembrando que hoxe o 56% dos fogares de Galiza non chegan a fin de mes nun contexto onde os prezos non deixan de subir mentres os salarios caen.
Fronte a esta situación, a candidata nacionalista garantiu que un Goberno do Bloque promoverá unha política de promoción do emprego para asegurar o dereito “irrenunciábel” a poder vivir dun traballo “digno e estábel na nosa terra”. Nesa liña, comprometeu a recuperación do peso produtivo e industrial de Galiza, desenvolvendo as “enormes” potencialidades no ámbito da innovación.
Alternativas en vivenda e enerxía
Outro dos eixos da alternativa do BNG pasa pola intervención en dous dos principais gastos que enfrontan os fogares galegos como son a vivenda e a enerxía. A respecto da vivenda, defendeu, mobilizando 12 mil vivendas baleiras para poñer a disposición en réxime de alugueiro social a prezos asequíbeis. E no caso do consumo eléctrico, impulsando unha compañía pública de enerxía que abarate o recibo da luz.
Renda Galega de Inclusión
Dende a fronte nacionalista comprometeron tamén medidas para poñer fin ás “axudas da miseria” como a Risga ou o Ingreso Mínimo Vital que “non garanten a subsistencia”. Así, o Bloque propón crear unha verdadeira Renda Galega de Inclusión Social e Laboral que garanta uns ingresos “dignos” e sexa un complemento para aquelas persoas con baixos salarios. “A partir do 18F podemos abrir un tempo novo, de prosperidade con xustiza social, no que ninguén quede atrás e no que as persoas estean no centro das políticas da Xunta de Galiza”, apostou González.
Emerxencia social en Vigo
De por parte, o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, defendeu que para enfrontar a situación de emerxencia social que atravesa a cidade “é imprescindíbel e urxente o cambio galego que só pode liderar Ana Pontón”. “A Xunta pode e debe facer moito máis para axudar a quen máis o necesita que tardar 8 meses en tramitar unha Risga de miseria”, enfatizou.
“As 60 mil viguesas e vigueses que fican en risco de exclusión social e pobreza, os centos de familias que acoden ás filas da fame ou teñen que ir a comedores sociais para asegurar algo tan básico como a súa alimentación, non poden soportar máis indiferenza e inacción da Xunta como padeceron nos últimos 15 anos de Partido Popular”, advertiu o nacionalista.
Igrexas apelou expresamente a esa maioría de fogares na cidade nos que “hai máis mes que salario” para trasladarlle o compromiso de que unha Xunta presidida por Ana Pontón “non vai deixar a ninguén tirado na cuneta facendo das necesidades da xente a verdadeira prioridade combatendo o empobrecemento da maioría social”.