O BNG comprométese a ser a “primeira liña de defensa” de Vigo fronte ao abandono do PP na Xunta

Brais Ruanova, Carmela González, Xabier P. Igrexas e Alexandra Fernández
Brais Ruanova, Carmela González, Xabier P. Igrexas e Alexandra Fernández

As deputadas e o deputado do Bloque pola cidade Alexandra Fernández, Carmela González e Brais Ruanova trasladan as principais liñas de actuación da fronte nacionalista durante a nova lexislatura no Parlamento galego

Presentan alternativas fronte ao problema de acceso á vivenda, para a reactivación produtiva e industrial e contra a privatización sanitaria, entre outras prioridades

Xabier P. Igrexas: “Van ser a voz firme para combater as políticas do PP de Rueda, empurrando co liderado do BNG o cambio galego para que Vigo teña un Goberno aliado”

O BNG comprométese a ser a “primeira liña de defensa” de Vigo fronte ao abandono do PP na Xunta

O Bloque Nacionalista Galego comprométese a ser a “primeira liña de defensa” dos intereses de Vigo fronte ao abandono do Partido Popular na Xunta de Galiza. Así o aseguraron este venres as deputadas e o deputado do Bloque pola cidade Alexandra Fernández, Carmela González e Brais Ruanova, acompañadas do portavoz municipal en Vigo, Xabier P. Igrexas, trasladando as principais liñas de actuación da fronte nacionalista durante a presente lexislatura no Parlamento galego.

“As nosa deputadas e o noso deputado van ser a voz firme no Parlamento galego para combater as políticas antisociais e antigalegas do PP e para poñer fin ao abandono de Vigo por parte da Xunta”, destacou Igrexas durante un almorzo informativo, no que puxo en valor o apoio das 56.820 viguesas e vigueses que nas pasadas eleccións galegas converteron o BNG na primeira forza da maior cidade galega. 

O portavoz municipal do Bloque esixiu a ese respecto que o Goberno de Rueda “tome nota” da derrota electoral de febreiro na cidade e deixe de “virarlle as costas” as 300 mil viguesas e vigueses que “son tamén e antes de máis” 300 mil galegas e galegos. “Vigo ten que empurrar dende xa o cambio galego que faga dunha vez da Xunta, co liderado do BNG, un Goberno aliado da nosa cidade”, subliñou Igrexas.

Neste sentido, as deputadas e o deputado nacionalistas presentaron as alternativas do Bloque contra os recortes e a privatización na sanidade pública, para a reactivación produtiva e industrial, fronte ao problema de acceso á vivenda e pola mellora dos servizos públicos como residencias de maiores ou escolas infantís, entre outras medidas. “Con propostas en positivo para un xiro radical das nefastas políticas aplicadas polo PP dende 2009 e que Rueda pretende continuar”, defenderon.

A vivenda como prioridade

A deputada e voceira do BNG en materia de vivenda, Alexandra Fernández, defendeu a urxencia de que o Goberno galego poña en marcha un plan que garanta o acceso á vivenda con alugueiros a prezos accesíbeis diante do “grave problema” en Vigo. Nesa liña, considerou que o desenvolvemento do PAU de Navia é unha “grande oportunidade” para dotar a cidade dun parque público de vivenda, reclamando que o 50% dos inmóbeis sexan de promoción pública fronte á pretensión do PP de deixalos en mans privadas malia que Vigo conta co maior número de demandantes desta modalidade en toda Galiza. Do mesmo xeito, urxiu á Xunta a cumprir dunha vez coa “eterna promesa incumprida” dun instituto público en Navia, así como a ampliación da ESAD e do campus artístico neste barrio vigués.

En materia de sanidade, Fernández reiterou a firme oposición do Bloque á política de recortes e privatización do PP e contra o colapso ao que levo a Atención Primaria. “En só 4 anos conseguiu converter en norma que as citas co médico de cabeceira demoren máis de 15 días”, afeou, asegurando que “os vigueses e viguesas votaron maioritariamente o pasado 18F en defensa da sanidade pública”. Por estes motivos, comprometeuse a defender o reforzo dos centros de saúde, así como seguir esixindo o rescate da concesión do Hospital Álvaro Cunqueiro e a absorción de Povisa na rede pública do Sergas.

Vellez digna e salarios dignos

Pola súa banda, a deputada Carmela González considerou que “é tempo de que os nosos maiores teñan os servizos públicos que lle garantan unha vellez digna”, lembrando o déficit estrutural de prazas públicas nas residencias e nos centros de día da cidade. Na mesma liña, chamou a ampliar a rede de escolas infantís públicas porque “é inaceptábel que ano tras ano centos de nenos e nenas non sexan admitidos por falta de prazas”, reiterando a proposta nacionalista dos últimos anos de construír cinco novas escolas infantís nas zonas das Travesas, Balaídos, Navia, Casco Vello e Travesía de Vigo.

González puxo o foco tamén na crecente conflitividade laboral na cidade, polo que comprometeu un traballo intenso do BNG para que a Xunta exerza como autoridade laboral para garantir salarios e condicións laborais dignas. Aliás, lamentou a falla de políticas para combater a elevada sinistralidade laboral que, no que vai de ano, traduciuse na morte de 8 traballadores e traballadoras da área de Vigo no seu posto de traballo.

Vigo como motor galego

“Falar de Vigo é falar de industria e dun tecido produtivo que representa o motor económico de Galiza”, destacou de por parte o deputado e voceiro en materia de industria, Brais Ruanova, lembrando que a cidade perdeu máis de 7.000 postos de traballo dende a chegada do PP á Xunta e que dende o ano 2008 non se instalou  ningunha factoría do sector da automoción mentres o veciño Portugal multiplica a captación de empresas neste sector.

Ruanova comprometeu alternativas do BNG no Parlamento galego para que Vigo deixe atrás estes anos de desmantelamento industrial. Así, propuxo a posta en marcha dun Plan de Reactivación Industrial e Produtiva na Comarca de Vigo para dar un novo polo a sectores como a propia automoción, o mar-industria ou o naval, que hoxe apenas representa un 10% do peso laboral que tiña antes dos Gobernos populares. Sobre este último, insistiu na necesidade de crear un Centro de Reparacións Navais, así como un Centro para o Impulso Tecnolóxico que aproveite todo o potencial da cidade para convertela na capital galega da innovación.
 
O BNG comprométese a ser a “primeira liña de defensa” de Vigo fronte ao abandono do PP na Xunta