O BNG demanda o compromiso do Pleno para que Vigo non acolla ningún evento con presenza de Israel

Xabier P. Igrexas no Pleno de maio
Xabier P. Igrexas no Pleno de maio

Propón unha declaración institucional de condena ao xenocidio contra o pobo palestino

Pide o apoio da Corporación á manifestación nacional convocada o 5 de outubro en Santiago de Compostela baixo o lema ‘2 anos de xenocidio e 77 anos de ocupación’

Xabier P. Igrexas: “Non é só unha declaración: é un compromiso ético, un berro de xustiza que reflicte o pulso da cidadanía viguesa horrorizada ante o maior masacre do século XXI”

O BNG demanda o compromiso do Pleno para que Vigo non acolla ningún evento con presenza de Israel

O Bloque Nacionalista Galego demanda o compromiso do Pleno de Vigo para que a cidade rexeite acoller calquera evento que conte coa presenza de Israel ou relacionado con entidades que non condenan o xenocidio na Palestina. A través dunha proposta de declaración institucional, a fronte nacionalista busca o apoio da Corporación para expresar a solidariedade viguesa contra o masacre.

“Esta iniciativa é un paso máis na loita inquebrantábel contra o xenocidio que o Estado sionista de Israel segue a perpetrar contra o pobo palestino”, defendeu o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas. “Non é só unha declaración: é un compromiso ético, un berro de xustiza que reflicte o pulso da cidadanía viguesa que asiste horrorizada ao maior masacre do século XXI”, salientou.

Igrexas considerou necesario seguir dando pasos e sumando esforzos na denuncia destes crimes de lesa humanidade e no illamento de Israel. A proposta nacionalista demanda así o apoio do Pleno municipal para que Vigo non acolla ningún evento deportivo, cultural ou doutra índole que teña relación ou conte co patrocinio de entidades israelís, nin que xustifiquen o xenocidio, instando a que o Goberno local adopte as medidas necesarias para impedilo. Unha demanda que traslada tamén á Deputación de Pontevedra, á Xunta de Galiza e ao Goberno español, xunto coa petición para que o Comité Olímpico Internacional exclúa Israel das competicións deportivas.

Apoio das mobilizacións

O portavoz municipal do Bloque afirmou que a proposta de declaración “quere recoñecer a vigorosa solidariedade expresada de maneira continuada polas viguesas e vigueses en favor do pobo palestino”. O documento recolle nese sentido o compromiso do Concello de apoiar na cidade todas as accións e convocatorias polo dereito da Palestina a constituír un estado libre e soberano. Entre elas, destacou a manifestación nacional convocada pola Coordinadora Galega de Solidariedade con Palestina o vindeiro 5 de outubro en Santiago de Compostela baixo o lema ‘2 anos de xenocidio e 77 anos de ocupación’.

Dende o BNG apelaron a que a declaración institucional conte co apoio do PSOE na Xunta de Portavoces deste mércores para que prospere no vindeiro Pleno municipal. E chamaron ao PP de Vigo a que “rompa co guión da infamia dos seus xefes en Madrid” para que a Corporación exprese a “mesma unanimidade digna” que latexa entre as viguesas e vigueses.

Moción do BNG en maio

A iniciativa súmase á moción do Bloque aprobada o pasado maio polo Pleno de Vigo na que se condenaban as accións xenocidas de Israel e coa que se declarou persona non grata a Benjamin Netanyahu e o seu “gabinete criminal”. Unha moción que esixía ademais o cumprimento das resolucións da ONU e o Dereito Internacional Humanitario con medidas concretas destinadas aos Gobernos español, galego e municipal.

“Como dixen no Pleno de maio, como pai de dúas crianzas de 6 e 11 anos, quero poder mirar aos ollos do meu fillo e da miña filla e poder dicirlles que o seu Concello, que a súa cidade, fixo todo o posíbel para paralo. Que non ollamos para outro lado, nin ficamos de brazos caídos”, apelou Igrexas.

O horror multiplicouse

Dende esa data, lamentou o voceiro nacionalista, o “horror multiplicouse” para o pobo palestino, con 67.000 vítimas mortais, un terzo delas nenas e nenos. Cifras que, subliñou, poden chegar a 680.000 mortes, segundo as estimacións da relatora da ONU, Francesca Albanese. “Gaza é hoxe un ermo arrasado: destrución total, fame como arma de guerra, bloqueo á axuda humanitaria, asasinato de cooperantes e xornalistas”, relatou, cualificando estes feitos de “crimes de lesa humanidade que ninguén pode xustificar e fronte aos que non podemos ficar impasíbeis”.

Feitos acreditados por organismos internacionais como o Tribunal Penal Internacional, que emitiu ordes de detención contra altos cargos israelís por crimes de guerra; a Corte Internacional de Xustiza, que tramita a acusación de xenocidio; e pola Comisión Independente da ONU, liderada por Navi Pillay, quen confirmou o pasado 16 de setembro, que Israel está a perpetrar un xenocidio. 

O BNG demanda o compromiso do Pleno para que Vigo non acolla ningún evento con presenza de Israel