O BNG considera moi grave que o alcalde non responda ás acusacións de enchufismo
Iolanda Veloso critica que o alcalde renunciara hai tempo á defensa da obra social da antiga Caixanova ao non facer nada pese a que o pleno aprobou por unanimidade unha moción do BNG
Vigo, 2 de setembro de 2014.- A voceira municipal do Bloque, Iolanda Veloso, destacou que ao BNG lle parece moi grave que non haxa resposta por parte do alcalde ás acusacións de enchufismo e contratacións irregulares. En resposta ás preguntas dos medios, a portavoz nacionalista considerou que se esas acusacións son falsas que diga claramente que son falsas ou que poña unha denuncia por difamación.
A ninguén se lle escapa que estas acusacións forman pare da liorta interna do PSOE, apuntou Iolanda Veloso, quen lembrou que cando se produciron as primeiras denuncias por parte do exalcalde Carlos Príncipe o BNG presentou unha pregunta no pleno para que o alcalde solucionara esta situación.
A portavoz nacionalista sinalou asemade que non hai coñecemento de que ao respecto haxa denuncias na Fiscalía mais subliñou que o Bloque sempre pide que se investigue calquera irregularidade na administración. Resaltou, por outro lado, que o BNG responde das súas propias áreas de goberno, pero instou a que se alguén ten probas de irregularidades que o denuncie e se investigue e o alcalde que responda.
Ausencia absurda
Preguntada polos xornalistas sobre a discusión sobre a sede de Afundación, Iolanda Veloso denunciou que a renuncia a que Vigo estea representada é absurda e criticou que o alcalde renunciou hai tempo a defender a obra social, mentres ao PP tampouco lle preocupa.
O BNG leva tempo esixindo ao alcalde que tome posición na defensa do patrimonio da obra social, lembrou a nacionalista, quen lembrou que o Bloque presentou unha moción ao pleno de maio de 2013 sobre este tema, que foi aprobada por unanimidade, pero que o alcalde non fixo absolutamente nada.
Segundo denunciou, comezar agora un debate localista, vitimista e renunciar a estar presente no padroado é completamente absurdo.