O BNG acada o apoio do pleno para que a Xunta restitúa a praza de reumatoloxía pediátrica en Vigo
A portavoz municipal nacionalista, Iolanda Veloso, destaca a necesidade de que os pacientes crónicos conten cunha asistencia sanitaria de calidade
Vigo, 4 de setembro de 2014.- O pleno aprobou a moción do Bloque, pese aos votos en contra do PP, que demanda a restitución da praza de reumatoloxía pediátrica cun profesional con formación e experiencia avalada pola SERPE, co obxectivo de garantir a calidade asistencial aos nenos e nenas con doenzas reumatolóxicas. Segundo defendeu Iolanda Veloso, o gasto que supón contar cun profesional especializado non pode ser o criterio para deixar aos pacientes crónicos ser asistencia sanitaria.
A voceira municipal do BNG lembrou que desde o pasado mes de maio a área sanitaria de Vigo deixou de contar con un dos dous profesionais que pasaban consulta de reumatoloxía pediátrica. Segundo explicou, esta situación provocou a demora nas citas, con atrasos constatados de incluso máis de catro meses, polo que o Bloque decidiu presentar esta proposta pola vía de urxencia así como diversas iniciativas no Parlamento galego.
Do que estamos falando é que antes había dous pediatras que atendían na especialidade de pediatría reumatolóxica e agora hai un. Dicir que isto é manter a calidade asistencial é o colmo, resaltou Iolanda Veloso, en referencia aos argumentos empregados pola concelleira popular Teresa Cendón, quen cuestionou a existencia desta especialidade médica.
Pola contra, para o Bloque, deixar á área de Vigo cun só profesional con experiencia en atender á poboación infantil con enfermidades reumatolóxicas é un paso atrás clarísimo na atención desta doenza crónica segundo asegura a iniciativa aprobada hoxe no pleno vigués.
Prestación da dependencia
O BNG tamén logrou aprobar unha emenda de engádega a unha moción do PSOE sobre as persoas dependentes. Deste xeito, o pleno aprobou, coa oposición do PP, esixir á Xunta que recoñeza a prestación e que se faga efectiva de forma inmediata a todas as persoas con grao de dependencia, así como que remate coas recortes nas prestacións.