O BNG demanda convocar a Xunta de Portavoces ante os primeiros indicios da chegada de pellets ao litoral de Vigo
A fronte nacionalista pide que o Goberno de Abel Caballero informe do plan de continxencia e das medidas para responder á posíbel afectación da marea de plásticos
Afea que a delegada da Xunta en Vigo actúe como “comisaria de propaganda do PP repetindo o argumentario de mentiras e manipulacións do desgoberno de Alfonso Rueda”
Xabier P. Igrexas: “Non abonda con fotos e paseos mediáticos do alcalde, hai que tomar decisións xa para estarmos preparados e axilizar a eventual limpeza das praias”
O Bloque Nacionalista Galego demanda convocar a Xunta de Portavoces diante dos primeiros indicios recollidos polos medios de comunicación da chegada de pellets plásticos ao litoral de Vigo. A fronte nacionalista pide que o Goberno de Abel Caballero informe do plan de continxencia e das medidas para responder á posíbel afectación da marea de plásticos nas praias viguesas.
“Facémolo despois de non ter recibido ningunha resposta á proposta que lle trasladamos ao alcalde de constituír un Comité de Emerxencia Municipal”, subliñou o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, quen lamentou que o Goberno local non teña facilitado polo momento ningunha información concreta, máis alá de declaracións xenéricas do rexedor, sobre os medios humanos e materiais e os protocolos a activar.
Igrexas reiterou a necesidade de que a cidade estea preparada ante a “falla de respostas” e a “actuación irresponsábel e incompetente” do Goberno galego. “Non abonda con fotos e paseos mediáticos, hai que tomar decisións xa para axilizar a eventual limpeza das praias co obxectivo de reducir ao mínimo o impacto ambiental”, destacou.
Nese sentido, lamentou que a delegada territorial da Xunta de Galiza en Vigo, Ana Ortiz, actúe de “comisaria de propaganda do PP, repetindo o argumentario de mentiras e manipulacións do desgoberno de Alfonso Rueda”. Así, interpelou a Ortiz sobre que medidas ten previsto adoptar a Xunta para protexer as costas viguesas. “Esa é a pregunta que se fai a veciñanza de Vigo que está moi preocupada por esta situación”, asegurou.
O portavoz nacionalista fixo un chamamento á responsabilidade por parte das diferentes administracións para cooperar diante desta ameaza ambiental, en lugar do “pimpampum partidista no que uns e outros ao único que parecen querer dedicarse é a defender a actuación dos seus respectivos gobernos”.