O BNG sinala que os datos oficiais de paro desminten o retorno económico “récord” do Nadal en Vigo
A fronte nacionalista reclama un maior esforzo en políticas de emprego, que hoxe representan menos da metade do investimento para a campaña de Nadal.
Xabier P. Igrexas: “O BNG insistimos en demandar o alcalde menos propaganda e paseos polas televisións e máis políticas de promoción económica e de creación de emprego”.
O Bloque Nacionalista Galego vén de cuestionar este venres o retorno económico “récord” que supón o Nadal en Vigo. A fronte nacionalista sinala que os datos oficiais en materia de emprego desminten de maneira rotunda o “relato fantástico” do alcalde, Abel Caballero, tras rematar esta última campaña con apenas 39 persoas paradas menos na cidade, comparando os datos de paro rexistrado de novembro cos de xaneiro.
“Falamos dunha reducción marxinal, de só o 0,19%, o menor impacto en termos de emprego do Nadal dos últimos anos”, salientou o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, que detallou como a campaña de 2020, malia celebrarse durante unha fase aguda da pandemia, rematou con 206 persoas menos nas colas do desemprego, mentres que no ano 2019 foron 378 as viguesas e vigueses que encontraron traballo nesas datas.
Unha tendencia que tamén revela a Enquisa de Poboación Activa (EPA). Este indicador reflicte como no último trimestre de 2021 había 500 persoas ocupadas menos en Vigo que durante os tres meses anteriores. “E rexistra un dato moi preocupante: a destrución de 2600 empregos no sector servizos nun só trimestre”, engadiu Igrexas, que lembrou como a cidade perdeu 13mil postos de traballo desde 2009.
“Diante desta situación, o BNG temos que insistir en demandar o alcalde menos propaganda e paseos polas televisións e máis políticas efectivas en favor da promoción económica e da creación de emprego”, esixiu o edil nacionalista, que chamou a redimensionar e reorientar o Plan Municipal de Emprego. “Esta cidade non podemos seguir a soportar a irresponsabilidade de destinar menos da metade a políticas de emprego do que se gasta no Nadal en Vigo”.
Igrexas reclamou que o alcalde “asuma as súas responsabilidaes e se poña á cabeza” na demanda dun cambio radical das políticas industriais, económicas e produtivas tanto da Xunta de Galiza do PP como do Goberno español de PSOE-Unidas Podemos. O concelleiro do Bloque censurou que o alcalde de Vigo non teña convocado o Consello Social da cidade, como prometeu hai unhas semanas, para abordar a grave crise industrial e a situación límite que ameaza un sector estratéxico para a economía local como o naval.