O BNG require os informes cos que o Goberno municipal xustifica a non reapertura de Vigosónico
A fronte nacionalista denuncia que o goberno de Abel Caballero minte cando anuncia a pronta reapertura do espazo xuvenil porque non existe un proceso de licitación aberto, despois de renunciar a formalizar a última adxudicación en decembro de 2020.
Xabier P. Igrexas: “Facemos esta solicitude desde a desconfianza cara este Goberno local, xa que foi incapaz de dar respostas claras sobre a non reapertura do servizo”.
O Bloque Nacionalista Galego anuncia que vai requerir os informes técnicos e estudos que o goberno de Abel Caballero alegou durante o último Pleno municipal para non reabrir Vigosónico. A fronte nacionalista realizará esta solicitude desde a “desconfianza e a falla de crédito” cara o Goberno local, cuxas respostas na sesión plenaria foron insuficientes, en opinión das nacionalistas.
O concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, puxo en dúbida os motivos esgrimidos polo Goberno municipal, que asegura que as instalacións deste espazo xuvenil non reúnen as garantías necesarias para retomar as actividades, tras case dous anos pechado.
“Como é posíbel que non se poida reabrir Vigosónico cando seguen funcionando con normalidade as salas privadas ou os estudos de gravación? Que sigan ensaiando orquestras, bandas de música ou corais, pero non poidan facelo os 80 grupos que usaban Vigosónico. Por que están abertos os locais de ensaio do concello da Coruña, cunhas condicións sociosanitarias similares?”, cuestionou Igrexas.
Ademais destas dúbidas por resolver, o edil nacionalista denunciou que o goberno de Abel Caballero minte cando asegura que reabrirá Vigosónico en canto a situación o permita. Igrexas subliñou que nestes momentos non existe constancia de ningún proceso de licitación aberto para a xestión do servizo, após ter renunciado o Goberno local a formalizar a adxudicación do contrato en decembro de 2020.
Desde o BNG esixiron que o Goberno municipal aclare cando vai a reabrir esta instalación, a única dependencia municipal que non recuperou a normalidade. “Esta é a única pregunta que non puido responder o goberno de Abel Caballero, nin tan sequera ofrecer un horizonte temporal”, criticou Igrexas, ante os continuos anuncios do Concello dunha próxima reapertura.