O BNG de Vigo demanda unha grande feira de artesanía e o retorno de ‘Ofeitoaman’ este 2024
A fronte nacionalista reclama tamén a recuperación do Centro de Artesanía Tradicional despois de case unha década de inactividade
Xabier P. Igrexas: “Non hai vangarda, nin modernidade posíbel sen a raíz sólida das nosas tradicións”
O Bloque Nacionalista Galego demanda ao Goberno municipal que este ano 2024 a cidade de Vigo albergue unha grande feira de artesanía e que se recupere a organización do tradicional ‘Ofeitoaman’, que por segundo ano nadal consecutivo non puido realizarse pola falla de colaboración do Concello.
“Vigo somos un grande referente na artesanía galega, con grandes profesionais e obradoiros de primeiro nivel pero que non reciben do apoio institucional que merecen”, lamentou o portavoz municipal do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, que criticou que “ao abandono da Xunta do PP se engadiu nos últimos anos a sabotaxe municipal do PSOE”.
Igrexas avogou por aproveitar o grande potencial da cidade no ámbito da eurorrexión Galiza-Norte de Portugal para poñer en marcha unha grande feira de artesanía que permita proxectar a creación viguesa e galega. “O Concello de Vigo ten que deixar de dar de lado á nosa artesanía e entender que é un activo cultural de primeira orde”, explicou.
Nese mesmo sentido, o portavoz municipal nacionalista avogou porque este 2024 sexa o ano no que se recupere a realización do tradicional ‘Ofeitoaman’ que leva sen organizarse desde 2021 por causa dos atrancos e da falla de colaboración do Goberno municipal. “Caballero é responsábel de que un evento que se levaba realizando 37 anos desaparecese da cidade unicamente para seguir a promocionar o Cíes Market, xestionado por unha empresa madrileña e onde a artesanía galega ten unha presenza marxinal”, reprochou.
Centro de artesanía tradicional
Aliás, desde o BNG demandan tamén a recuperación do Centro de Artesanía Tradicional (CAT) que leva sen actividade desde hai case unha década e que no 2021 quedou sen sede por decisión do actual Goberno local. “Só un profundo autoodio e desprezo pola nosa cultura tradicional pode explicar que a maior cidade galega non cun centro público para a promoción, divulgación e investigación da artesanía”, critican. “Non hai vangarda, nin modernidade posíbel sen a raíz sólida das nosas tradicións”, remacha Igrexas.